Opinión

O laboratorio catalán

O  resultado das eleccións catalás parece que non está sentando ben na capital de España. A interposición pola fiscalía (un día despois) dun recurso contra o terceiro grao de Junqueras e demais presos do procés é todo un síntoma. Paralelamente, arquívase unha querela contra o emérito e absólvese a Cifuentes. “Xustiza española”. Pero Madrid vai ter que facer algo máis que dar respostas primarias ou de castigo; a estratexia de dilatar as decisións políticas sine día tocou fondo. Efectivamente, vai ser imposíbel obviar que, por vez primeira (a pesar do forte acoso político e xudicial), o independentismo catalán acadase máis do 50% dos votos emitidos, ampliando a súa presenza no parlamento ata os 74 escanos. O proclamado desgaste independentista resultou unha quimera.

Pero, por outra parte, que a participación electoral (53,45%) sexa a máis baixa dos últimos dez anos introduce un factor de distorsión sociolóxica sobre os resultados. Certo que esta circunstancia é responsabilidade exclusiva da xudicatura, e dos (erróneos) cálculos electorais do PSOE, que boicotearon a decisión da Generalitat de atrasar as eleccións pola pandemia, pero dificulta seriamente a estratexia de activación da DUI, como suxerían os independentistas máis radicais.

Aínda así, o dato máis elocuente é a desfeita do unionismo. Ao insuficiente resultado do PSC, hai que sumar o rotundo fracaso do catalanofóbico bloque de dereitas, froito do forte axuste no abano constitucional. A nota principal é a descomposición de Cs, que volve colocar parte do seu enorme caudal de votos de hai catro anos no PSC, o máis beneficiado da súa desfeita, mentres a parte máis radical do voto españolista recala en VOX en vez de volver ao PP. Non obstante, para non desorientarnos demasiado e evitar lecturas catastrofistas, convén precisar que os 20 escanos que suman agora PP, VOX e Cs son incluso algo inferiores aos que tiña a dereita española (PP e Cs) hai dez anos (21 escanos), e moitísimo menos que os 36 escanos de hai catro. A catalanofobia interior perde claramente adeptos.

Por iso, a invitación de ERC de incluír a En Comú Podem dentro dun futuro goberno de unión nacional xunto a JxCat e a CUP, con obxectivos como a amnistía e o referendo pola autodeterminación en calquera dos formatos legais posíbeis, parece a estratexia máis correcta a medio prazo. Con esta formulación, se finalmente resultase viábel, este bloque situaríase cun apoio directo de preto do 58% do electorado, coa posibilidade real de arrastrar no futuro a electores doutros partidos coma o PSC, frustrados pola imposibilidade de acceder ao poder baixo o fracasado paraugas unionista.

Esta iniciativa de ERC obrígalle aos “comúns” a definirse. Ou apostar polo futuro, na liña que demanda a maioría dos cataláns ou situarse co bloque españolista, estragando o seu proxecto social e político. Non deberían esquecer que unha alianza cos independentistas podería facilitar un referendo pactado, ao tempo que se garantiría a gobernabilidade en Madrid ata final de lexislatura. Aceptará o PSOE esa estratexia? O futuro territorial do Estado podería xogarse nos próximos meses.

Comentarios