Kiko da Silva prepara relatos de Castelao en BD

A Editorial Galaxia publicará no mes de maio un libro de BD que adapta catro relatos curtos de Castelao que aparecen nas obras Retrincos e Cousas. Durante este 2017, Galaxia publicará 3 Novelas Gráficas nunha aposta clara por este novo formato editorial.

PAXINA 2A CASTELAO
photo_camera Un dos debuxos de Kiko da Silva para este novo proxecto

Sempre se dixo que se Castelao vivise actualmente faría banda deseñada ou animación e esta idea de fondo é a que impulsa este proxecto que, da man de Kiko da Silva (Premio Castelao de BD en 2014) e do seu equipo, formado por alumnado do Garaxe Hermético, chegará ás librerías en maio.

A adaptación quere crear unha historia longa a partir deses catro relatos curtos, pois todos eles beben de temas comúns e así as historias vanse fiando e poden lerse como unha soa. O resultado será unha novela gráfica a toda cor en capa dura que estará acopañada por material didáctico do proceso de creación da bd. Un material que despois tamén se converterá nunha exposición. 

A idea é amosar un Castelao máis duro, máis adulto, máis poético. Kiko da Silva afronta este proxecto, segundo Galaxia, coa intención de conseguir renovar a visión tanto plástica como de percepción narrativa do rico mundo literario creado por Castelao. Uns relatos moi visuais e novidosos para a súa época, que amosaban unha poética propia e próxima á narrativa fragmentada que se utiliza na actualidade para crear as historias de banda deseñada. 
 
Así pois, as páxinas estarán debuxadas por Kiko da Silva, autor da adaptación ao guión, e un grupo de alumnos do Garaxe Hermético, a escola profesional de banda deseñada que creou o propio Da Silva en Pontevedra en 2012.