Literatura

Kalandraka publica o libro máis icónico de Jack Kerouac

'Na estrada' chega aos andeis en galego da man de Kalandraka
Jack Kerouac [Tom Palumbo].
photo_camera Jack Kerouac [Tom Palumbo].

Con outubro chegan ouveando aos andeis das librarías As historias do Lobo de Area. Trátase da segunda parte da coñecida saga literaria de Åsa Lind, con ilustracións de María Elina Méndez, vertido ao galego por Antón Lado da man de Kalandraka.

Se no primeiro tomo da triloxía a pequena Zackarina amosaba o seu enfado porque os seus pais non tiñan tempo para ela, esta entrega transcorre coa complicidade e coa atención dos adultos, mentres a protagonista segue medrando con novas lecións vitais: a amizade, os medos, a morte, a paciencia... Sempre ao carón do seu mellor amigo, que a escoita, comprende e comparte con ela a súa sabedoría e desbordante imaxinación!

Esta é unha das novidades que entran no outono da editorial, mais non a única. Como prato forte para o público adunto chega un dos libros de culto da narrativa da xeración beat, tal como é Na estrada, de Jack Kerouac, en tradución de Xesús Fraga.

Este clásico da literatura norteamericana do século XX preséntanos a Sal, un estudante deprimido e con aspiracións literarias que coñece a Dean no inverno de 1947 e queda cativado pola súa actitude salvaxe e temeraria. De Nova York a Nova Orleans, percorren o país experimentando todo tipo de aventuras con sexo, drogas, alcohol e jazz, nunha busca hedonista da liberdade que cambiará para sempre as súas vidas.

Rachando co conformismo do American Way of Life, hai nel un convite á procura do auténtico que se sustenta nas numerosas anotacións en cadernos e borradores aos que o autor deu forma nuns poucos días.

Kalandraka trae tamén un novo volume da colección de Música Clásica: O bolero de Ravel. Sobre a obra máis coñecida e interpretada do compositor Maurice Ravel, feita por encarga da bailarina e mecenas rusa Ida Rubinstein, icona da belle époque, José Antonio Abad traza un engaiolante relato que, como as notas dunha partitura, vai presentando os músicos -con cadanseus instrumentos- dunha orquestra moi especial.

As ilustracións de Federico Delicado -cuxos protagonistas son animais humanizados pertencentes a especies en perigo de extinción- transpórtannos a un escenario urbano como asistentes de luxo a unha actuación memorábel que, ademais de música, tamén nos envolve con luz e cor.

Comentarios