Juventino Trigo, alcalde de Fene: “Os que viñan mudalo todo terán que explicar por que dan a alcaldía ao PP”

O rexedor considera que detrás da moción de censura presentada por Partido Popular e Somos Fene hai “intereses de tapar corruptelas” do PP. O BNG empraza Luis Villares a desautorizar os edís de Somos Fene.

BNG Fene mociónd e censura

Juventino Trigo, alcalde de Fene polo BNG, e Bieito Lobeira, responsábel de Organización da fronte nacionalista, compareceron esta sexta feira para valorar a moción de censura presentada por PP e Somos Fene contra o goberno local integrado por Bloque e Esquerda Unida. Para Trigo, “os que viñan para mudalo todo terán que explicar porque dan a alcaldía ao PP” e asegura que o motor da moción de censura é “o interese de tapar corruptelas do PP investigadas pola xustiza”.

O rexedor nacionalista destacou que os impulsores da moción son tan lacazáns, que nin sequera “mudaron a data da moción de censura que ían presentar en xuño”. Destacou que o goberno local puxo en marcha obras que levaban décadas paradas, desbloqueou a contratación de persoal, desenvolveu programas de emprego e formación para persoas paradas e xente moza, “e se estaba facendo unha limpeza de malas prácticas e corruptelas instaladas desde fai anos”.

De por parte, Bieito Lobeira trasladou o apoio do BNG ao “goberno lexítimo” de Fene. “Do punto de vista democrático, queremos facer un emprazamento directo á organización En Marea e ao seu portavoz Luis Villares a que tomen nota do que está a suceder en Fene e que, máis aló de cuestións declarativas, teñan unha actuación contundente e coherente coa gravidade do que está pasando en Fene”.

En Marea rexeitou nun comunicado categoricamente a moción de censura e di que a mesma "segue a liña de tráfico político coa que o PP está operando en concellos como Sanxenxo, Tui ou o propio Fene".

Comentarios