O soberanismo leva a situación dos presos á ONU

Junqueras propón unha presidencia bicéfala, cun titular simbólico e outro executivo

Non viven as súas mellores horas as relacións entre ERC e JxCat. Após Puigdemont deixar ver que se sente traizoado polos seus, Oriol Junqueras plantexa desde Estremera unha presidencia bicéfala, cun titular simbólico (Puigdemont) e outro executivo (sen determinar). El exclúese.

Junqueras
photo_camera Junqueras, fotografado o día en que, após declarar perante a Audiencia Nacional, ingresou en prisión

Nunha entrevista concedida a Diario16 a meio dos seus avogados, Oriol Junqueras opina que nas condicións actuais existen dificuldades obxectivas para investir como president unha persoa que se acha no albo dos poderes coercitivos do Estado. "A cuestión é se o Parlament pode investir un deputado eleito", di o líder de ERC, para quen o actual estado das cousas pode "obrigar ou impedir que esta presidencia sexa efectiva e pode facer que sexa preciso combinar unha presidencia lexítima, embora simbólica, cunha executiva".

Meios próximos ao soberanismo como NacióDigital ou ElNacional veñen barallando xa esta hipótese desde hai semanas.

Junqueras non se ve nen como presidente executivo e, portanto, exclúese de calquera especulación. "A prisión ten moitas limitacións", afirma na entrevista. Na conversa defínese como un "home bon que non merece a prisión", ao tempo que proclama que "nunca deixei de dar a cara".

Roger Torrent: "Ningún tribunal decidirá quen é o presidente"

Tamén de ERC, o presidente do Parlament Roger Torrent afirmou na antena da RAC1 (a emisora de radio líder en Catalunya, propiedade do grupo de La Vanguardia) que Puigdemont é "e continuará a ser o candidato" á presidencia. Do que se trataría agora é de "traballar" para realizar un pleno con "todas as garantías" visando que o líder de JxCat poda ser efectivamente investido como president. Mais non avanzou en que fórmulas está pensando, nen tampouco que fará se o Tribunal Constitucional -como é previsíbel- rexeita as alegacións que lle formulen os servizos xurídicos da cámara catalá.

O soberanismo recorre á ONU

Canto á fronte xudicial, esta quinta feira sóubose que o avogado dos líderes soberanistas Junqueras, Sànchez e Cuixart -os tres a cumpriren pena preventiva na prisión de Estremera- levará a situación destes presos políticos á ONU. O letrado Ben Emmerson -un reputado especialista en direito internacional e direitos humanos- estima que o encarceramento dos seus defendidos é "ilegal" e representa unha "afrenta aos direitos humanos".

En conferencia de imprensa oferecida en Londres, Ben Emmerson salienta que "as accións do Goberno español neste caso sentan un precedente perigoso para o direito ás protestas pacíficas en todo o mundo", polo que pide que os presos políticos sexan "liberados".

Comentarios