Juan Torres López: “Quérense impor os fondos de aforro privado como alternativa ás pensións públicas”

En pleno debate social e --sobre todo-- político arredor das pensións públicas, entrevistamos ao catedrático de economía Juan Torres López interrogándoo sobre cal é a situación que afrontan e baixo que coordenadas se pode asegurar a súa sostibilidade. Torres sinala tamén as principais falsidades difundidas polo discurso dominante e presentadas como axiomas técnicos.

Juan Torres López
photo_camera Juan Torres López

Vén de publicar un libro co tamén economista Vicenç Navarro titulado “O que debes saber para que non che rouben a pensión” (Espasa, 2013). É só un recurso retórico ou asistimos a un (novo) roubo?

Naturalmente non se trata dun roubo a man armada. Pero si ten moito que ver con iso, tendo en conta que mercé ao engano, difundindo argumentos falsos, trátase de apropiarse do aforro dos traballadores e de acabar co sistema que mellor expresa posiblemente as vantaxes da solidariedade. O que hai detrás das ameazas de tanto informe de sabios que nunca acertan nas súas previsións é o intento das entidades financeiras de impoñeren os fondos de aforro privados como alternativa ás pensións públicas.

No libro dedican un capítulo ás “falsas alarmas e os verdadeiros perigos” sobre as pensións. Cales son?

Fundamentalmente, a alarma falsa consiste en facer crer que as pensións están perigo porque seremos máis vellos e haberá menos traballadores por cada pensionista. Usan este argumento porque cala ben, parece tan lóxico! É falso porque non ten en conta outros factores: a produtividade, a distribución da renda ou a evolución do emprego. Se estes tres evolucionan de forma minimamente favorábel non ten por que haber problema de pensións no futuro. O perigo é, naturalmente, que non o fagan, pero entón non son as pensións o que estará en perigo senón a sociedade no seu conxunto, polo que cabe preguntarse: a que tipo de sociedade nos levan?

Que papel xoga a respecto do anterior singularmente o factor demográfico?

As pensións son perfectamente sostíbeis sempre que o emprego se manteña en niveis minimamente satisfactorios

Un papel determinante da contía do gasto en pensións. A máis pensionistas como consecuencia de maior lonxevidade, máis gasto. Iso é lóxico. Sempre, claro está, que non se reduza a  súa contía.

Entón, están en risco as pensións públicas? Son sostíbeis?

Son perfectamente sostíbeis sempre que o emprego se manteña en niveis minimamente satisfactorios, posto que os empregados son os que cotizan; sempre que non se deteriore inda máis a distribución en prexuízo dos salarios, posto que destes nacen as cotizacións; e sempre que a produtividade aumente tamén minimamente, posto que grazas a ela menos traballadores poden xerar máis. O risco, xa lle digo, é que isto non ocorra e a nosa economía teña dez millóns de parados, unha concentración brutal da renda e unha produtividade propia de servizos terceiromundistas. Anos atrás, até cun modelo produtivo e de distribución que non era precisamente exemplar houbo superávit no sistema.

Amais dos relatos catastrofistas e as alarmas falsas, o discurso dominante insiste en presentar este debate como unha cuestión estritamente técnica, de puras matemáticas. Redúcese a iso, ou pola contra é unha cuestión de marcado alcance político e ideolóxico?

Este debate é claramente político. Son as decisións políticas as que determinan a natureza e alcance do sistema de pensións.

É claramente político, por varias cuestións. Porque depende da distribución do ingreso, como dixen, e esta depende de decisións políticas sobre o nivel de salarios, sobre políticas fiscais e monetarias, sobre o tipo de incentivos a empresas  (se o que se incentiva son casinos e prostíbulos como en Madrid, ¿que produtividade vai haber na nosa economía?), entre outras. A cuestión técnica é importante á hora de aquilatar o sistema ás decisións políticas, que son as que determinan a súa natureza e alcance.

Numerosas voces denuncian que detrás deste tipo de informes de expertos e das sucesivas reformas está o interese por “privatizar as pensións”. Na súa opinión, existe esa vontade? Por parte de quén? 

É evidente. Até me atrevería a dicir que é lexítimo. É o negocio  das entidades financeiras. O que non é aceptábel é que o persigan enganando. Nótase, por exemplo, tendo en conta quén financia os estudos que din que se van a afundir as pensións públicas: os que promoven que se recorten para que a xente subscriba fondos privados. Na composición do grupo de expertos do goberno vese igualmente claro: a inmensa maioría deles están ou estiveron vinculados directamente a elas.

Como experto, por onde pasarían as solucións para garantir a continuidade e esquivar o risco de precarización das pensións públicas?

Como dixen, por poñer en marcha políticas xerais que non destrúan o emprego, que non concentren máis a renda  e que non boten abaixo a produtividade. Ademais, hai que facer algunhas reformas importantes no sistema de pensións, que detallamos no noso libro, sobre todo, dándolle maior progresividade para aumentar o ingreso. É curioso que quen din estar tan preocupados polo súa sostibilidade nunca falen diso.

Comentarios