Imprimir

Juan Gestal: "En xaneiro e febreiro debemos restrinxir ao máximo os contactos"

Susana Rois | 13 de xaneiro de 2021

Juan Gestal Otero, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC.
Juan Gestal Otero, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC.
A evolución da pandemia de coronavirus na Galiza confirma os peores prognósticos sobre o impacto negativo dun Nadal permisivo cos desprazamentos e as xuntanzas sociais. Crecen os contaxios e dispárase a presión hospitalaria. Nós Diario analiza o empeoramento da situación coa axuda do catedrático da Unversidade de Santiago de Compostalea Juan Gestal Otero.

Galiza suma na última semana máis de 5.000 casos novos de coronavirus, con cotas diarias por riba dos 600. Que evolución cabe esperar nos próximos días?

O esperábel é un incremento do número de casos. Até mediados da semana que vén iranse manifestando os contaxios producidos en Noitevella, Aninovo e Reis, aos que se sumarán aqueles que se estean a producir agora, en condicións ambientais máis favorábeis para a difusión do virus.

O incremento da positividade foi o primeiro grande aviso da terceira vaga tras as festas de Nadal. Agora o impacto xa se observa noutros indicadores, nomeadamente nos casos detectados e na presión hospitalaria. É previsíbel un empeoramento da situación?

É o máis probábel. Nun primeiro momento soben os positivos. E tras ese aumento, increméntanse os casos activos e deseguida  as hospitalizacións e os ingresos en UCI. Por último, o impacto da pandemia apreciarase nas defuncións. Vaise demorar aínda unhas semanas, pero lamentabelmente o empeoramento da situación tamén se vai advertir no número de falecidos.

Os desprazamentos de Nadal espallaron o virus por todo o territorio. Mesmo o levaron a zonas menos afectadas ou libres de coronavirus. Onde se poden dar as maiores complicacións? 

Especialmente entre as persoas maiores de 60 anos, e sobre todo nas de máis de 80 anos. É o grupo de idade no que se produce maior mortalidade, así como naquelas persoas con patoloxía de base que as fan máis vulnerábeis á Covid-19, como a hipertensión, as enfermidades cardíacas, a diabetes, o cancro, as enfermidades respiratorias crónicas e a inmunodepresión.

É tarde para lamentar as concesións que se fixeron durante as festas? Faltou precaución?

Era algo previsíbel. Todo aquilo que supón un maior contacto interpersoal incrementa o risco dos contaxios. Estamos ante unha enfermidade na que, ao igual que no SARS e no MERS, os supertransmisores e os eventos de supertransmisión xogan un papel moi importante na difusión da doenza, e no Nadal houbo un tren de eventos de supertransmisión. Reunións prolongadas nos domicilios, arredor da mesa comendo e bebendo, o que supón moito tempo sen máscara, e nestas festas tamén se adoitan consumir máis bebidas alcohólicas, que poden relaxar o cumprimento das normas de prevención. 

Desde o punto de vista epidemiolóxico, que medidas cómpren para frear a transmisión comunitaria?

Cómpren dous conxuntos de medidas para frear o crecemento da curva de contaxios. Dunha banda, aquelas que favorezan unha diminución dos contactos sociais para evitar o maior número de exposicións, mediante a limitación da mobilidade e o fomento dun maior autoconfinamento voluntario. Por outro, aquelas que permitan a localización urxente do maior número posíbel de fontes de transmisión, de persoas asintomáticas con cargas virais altas, para polas axiña en corentena.

Para isto son moi útiles os tests rápidos de antíxenos, que permiten en quince minutos saber se unha persoa ten unha carga viral alta e pola de inmediato en corentena. A PCR é menos valiosa para isto, xa que o resultado demora entre 24 e 48 horas e, nese tempo, a persoa positiva pode seguir transmitindo o virus. Se se orientan ben, cara a colectivos cunha incidencia elevada, os tests poden ser moi efectivos. 

Durante canto tempo recomenda extremar as precaucións e limitar os encontros sociais?

Temos por diante un par de meses moi perigosos. En xaneiro e febreiro debemos restrinxir ao máximo os contactos. Despois, segundo a evolución da pandemia, iremos vendo se este período se acurta ou se é preciso alongalo.

Que valoración fai das restricións na hostalaría e dos fechamentos perimetrais?

Os fechamentos perimetrais véñense aplicando desde a Idade Media, e sempre foron pouco útiles, pois non supón un feche total. Hai moitas persoas que poden entrar e saír da zona delimitada por diferentes motivos e seguir difundindo a enfermidade. Por outra parte non inflúen en absoluto na transmisión do virus na área que se fecha, de aí que se tarde en ver os beneficios, consecuencia sempre doutras medidas que se adopten, non do fechamento. 

En canto ás limitacións na hostalería, contribúen a que se saia menos de casa. Hai que ter en conta que nos lugares fechados destes estabelecementos existe un risco alto de transmisión se non se respectan as capacidades acordadas, as pautas de ventilación, as distancias de seguridade e o uso da máscara, salvo no momento de consumir. De aí as restricións que se veñen dando no sector.

Vixiantes coas vacinas e as variantes do SARS-CoV-2

O plan de vacinación contra o coronavirus avanza mentres aumentan as esperanzas depositadas na inoculación. "É moi importante protexer canto antes coa vacina as persoas máis vulnerábeis e expostas á Covid-19. Se se consegue, axiña se evitarán moitas mortes e a sobrecarga do sistema sanitario. Pero os efectos sobre a evolución da pandemia non se comezaran a ver até que estea vacinada unha alta porcentaxe da poboación. Entón aumentará a dificultade de circulación do virus até alcanzar a inmunidade de grupo", explica Juan Gestal, quen pide estar vixilante ante a aparición de novas variantes do virus.

"É algo esperábel. A maior transmisibilidade da cepa británica aínda non está clara. De ser certa incrementaría o número de casos e a demanda de atención hospitalaria. Mais non se viu que produza casos máis graves nin maior mortalidade. Como presenta unha mutación na espícula, mesmo na zona de unión ao receptor das células, podería producir algunha diminución da capacidade de neutralización dos anticorpos, aínda non demostrada. Ademias, non hai evidencias dun maior risco de reinfección nin dunha menor efectividade da vacina", afirma.

"Non está claro como xurdiu, pero non ten que ver co programa de vacinación en curso nin coa acumulación gradual de mutacións. Posíbelmente se deba a unha infección prolongada nun doente inmunodeprimido, xa descrita previamente con outras variantes", conclúe Juan Gestal sobre a posibilidade dunha mutación resistente á vacina.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/juan-gestal-festas-nadal-xeraron-tren-eventos-supertransmision/20210112133224113567.html


© 2021 Nós Diario