Juan Carlos Piñeiro, único candidato á secretaría xeral de Compromiso por Galicia

Defende o proxecto como “necesario para o país” e considera que o futuro de CxG “está aínda por escribir”.

Juan Carlos Piñeiro
photo_camera Juan Carlos Piñeiro

Juan Carlos Piñeiro Docampo (1977), técnico en mantemento industrial e en prevención de riscos laborais e que foi candidato nas pasadas eleccións galegas pola provincia de Lugo, vai ser o novo secretario xeral de Compromiso por Galicia. A súa é a única candidatura presentada para este cargo. Afirma que decidiu dar o paso ante a petición de compañeiros e despois dun percorrido por distintas agrupacións.

Docampo entende que “este é un proxecto necesario para o país” e o futuro de Compromiso “está aínda por escribir”. Amosouse animado ante esta nova etapa na que pensa que o obxectivo é “asentar o crecemento territorial na nosa estrutura” ante o reto das vindeiras eleccións municipais de 2019, nas que está convencido de que a formación galeguista “será a sorpresa”.

O Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia celebrou este sábado unha xuntanza preparatoria para o II Congreso Nacional que se celebrará o vindeiro 21 de xaneiro. Deuse conta das emendas presentadas aos tres documentos de debate (Política, Estratexia e Estatutos). Tamén se validaron as candidaturas presentadas ao Consello Político Nacional, composto por 30 persoas (15 mulleres e 15 homes). Presentáronse un total de 43 persoas. 

Comentarios