Jorquera afirma que o crak de Bankia deixa á vista o fracaso do PP

O candidato nacionalista á Xunta de Galiza, Francisco Jorquera acusa Rodrigo Rato, Esperanza Aguirre e o goberno de Aznar do crak de Bankia nun acto en Ferrol en que defendeu a proposta do BNG de creación dun Banco Público Galego.

Francisco Jorquera denunciou que o goberno do PP destine 23.500 millóns de euros para o saneamento de Bankia ao tempo que “recortan recursos para políticas sociais básicas e servizos básicos como ensino e educación e non hai recursos para o impulso da economía produtiva”. No acto de Ferrol, en que estivo acompañado polo profesor de Economía, Ramón Yáñez e o portavoz municipal do BNG Iván Rivas, Jorquera lamentou que, mentres os recursos se destinan á desfeita de Bankia se neguen 140 millóns para a construción do dique flotante na ría ou para a modernización da liña de tren A Coruña-Ferrol.

Para Jorquera, a situación en que se encontra Bankia significa “o fracaso dun modelo económico impulsado polo PP” do que sinalou como responsábeis a Esperanza Aguirre, Rodrigo Rato e o goberno de Aznar “que declarou solo urbanizábel e permitiu un modelo de crecemento que alimentou a burbulla inmobiliaria que está detrás do crak de Bankia”.

No acto, desenvolvido hoxe día 26 de maio en Ferrol, Francisco Jorquera advertiu ao presidente da Xunta, Núñez Feijoo, que só coa creación dun Banco Público Galego a partir de Novagalicia Banco se pode evitar o “espolio do aforro galego”. Rexeitou deste modo a iniciativa anunciada polo goberno de Rajoy de creación dun banco público estatal co seu núcleo en Bankia, ao que os nacionalistas mostraron xa a súa oposición.

Comentarios