Joe Biden, a tiro de Pensilvania

Mentres que Trump mantén as acusacións de fraude electoral, Biden conta as horas –e os últimos votos– para que se confirme a súa vitoria nas eleccións presidenciais nos EUA. A igualdade continúa a ser máxima, mais é a tendencia dos sufraxios por correo que fan prever o inminente triunfo demócrata. E despois, virá a batalla xudicial.
EuropaPress_3412540_patron_watches_the_us_election_day_live_results_during_us_election_watch
photo_camera Un home segue por televisión o avance dos resultados electorais. Dos cinco Estados en disputa, Trump só lidera en Carolina do Norte (AAP Image / dpa)

Cada minuto que pasa, cada voto máis que se conta, maior é a diferenza de Joe Biden en Pensilvania e máis difícil é que Donald Trump poida gañar as eleccións presidenciais nos EUA. Ao feche desta edición, con máis de 95% dos sufraxios deste Estado escrutados, o candidato do Partido Demócrata mantiña unha distancia de case 10.000 votos con respecto ao seu rival do Partido Republicano e actual presidente do país. 

Porque Pensilvania, con 20 votos electorais ou compromisarios en xogo, é a última fronteira. O campo de batalla definitivo que decidirá ─finalmente─ a xa case segura vitoria de Biden. Cómpre lembrar que a maioría necesaria está en 270. O demócrata tiña asegurados onte 253, é dicir, estaba a falta de 17. Trump contaba con 213.

Outros catro Estados estaban en lide onte. En Georgia, con 16 votos electorais, a diferenza entre os dous candidatos era ínfima, de menos de 2.000 sufraxios a favor de Biden e máis de 99% escrutado. En Nevada, que elixe 6 compromisarios, con 91% contabilizados, Biden avantaxaba a Trump en máis de 20.000 votos. E en máis de 40.000, co reconto a 93%, facíao en Arizona, que lle corresponden 11 compromisarios. Destes territorios decisivos, o actual inquilino da Casa Branca tan só ía en cabeza en Carolina do Norte (15 votos electorais), con 95% escrutado e unha vantaxe de máis de 75.000 votos.

"Paciencia"

Tal e como se esperaba, o voto por correo está a caer do lado de Biden. Tal e como se esperaba, os votantes demócratas foron máis cautos con respecto ao perigo de contaxiarse co coronavirus. Por iso, canto máis avanza o reconto, máis medran as opcións dos demócratas. En calquera caso, o resultado definitivo podería tardar en chegar. Quizais se confirme hoxe, quizais mañá. Quizais haxa que agardar algo máis. 

Segundo anunciou hoxe á tarde (horario galego) Lisa Deeley, presidenta dos Comisionados da Cidade de Filadelfia, os tres funcionarios encargados de administrar o rexistro de votantes e organizar as eleccións neste condado, o máis poboado de Pensilvania, fican aínda unhas 40.000 papeletas por contar. Podería levar días, dixo, completar esta tarefa.

Estas papeletas divídense en tres categorías: "aquelas que requiren de revisión, as provisionais, e as dos militares no estranxeiro", informou Deeley, segundo recolleu a canle CNN. Omar Sabir, outro integrante desta terna de comisionados, pediu paciencia. "Ignoren todo o que poidan o ruído que se está a facer, permítannos completar o proceso de reconto", declarou.

Servizos secretos

Outros medios aseguran que Biden ─acompañado pola súa candidata á Vicepresidencia, Kamala Harris─ preparábase para dar o discurso da vitoria onte mesmo (madrugada de hoxe na Galiza) en Delaware. Desde o centro de convencións de Wilmington, en calquera caso, estaba previsto que se dirixise ao país, e os seus seguidores foron concentrándose durante toda a xornada de onte nesta localidade onte reside, coa expectativa de que se confirme o triunfo, informou USA Today.

Neste sentido, o Servizo Secreto dos EUA, dedicado á protección de altos cargos, enviou máis axentes a Wilmington para reforzar a vixilancia en torno a Biden en previsión de que sexa proclamado vencedor, segundo publicou The Washington Post. Un plan que xa estaba previsto mais que se viu adiado pola incerteza arredor do reconto.

Deutsche Bank busca cortar a relación con Trump e podería  confiscarlle activos

O banco alemán Deutsche Bank está "tratando de cortar os lazos co presidente Donald Trump despois das eleccións", segundo informaron a Reuters tres altos cargos da institución. "Deutsche Bank podería buscar vender ou exixir o reembolso de arredor de 340 millóns de dólares en préstamos pendentes á Organización Trump", segundo este informe.

Os directivos sinalaron , con todo, que "aos executivos dos bancos non lles preocupaba a capacidade do presidente para pagar os préstamos, en parte debido ao tempo que resta antes do seu vencimento". Dado que os préstamos están garantidos persoalmente por Trump, se xa non está no cargo e non pode reembolsalos ou refinancialos, Deutsche Bank "podería efectuar a execución hipotecaria e confiscar os seus activos", sostiveron.

Comentarios