Opinión

Jimmy vive, Cifuentes non

Consumouse a ofensa. Unha máis das moitas que se emiten desde unhas institucións que paradoxalmente son chamadas no seu conxunto “Xustiza”, así con maiúscula e gran solemnidade. Porén, nos últimos tempos, desde as alturas encargadas de impartir tal dereito -sen o cal imposible é a democracia- non paran de asinarse decisións que están a provocar unha vaga de críticas contra os estamentos xudiciais. De seguro que volverán reproducirse tras o recentemente coñecido auto que ditamina “concluso” o sumario sobre o asasinato de Jimmy sen poder identificar aos culpables. E contra o que non cabe recurso. Jimmy fica sen xustiza.

 

A historia é coñecida. A finais de 2014 un grupo de fascistas armados atacan aos seareiros do Deportivo do grupo Riazor Blues, de ideoloxía contraria, que acoden ao estadio do Manzanares de Madrid para presenciar o encontro contra o Atlético. Durante os enfrontamentos, varias persoas do bando local mallan no rapaz coñecido como Jimmy, ao que lanzan ao xeado río, onde falece. Un asasinato de corte neo-nazi, tal e como este mesmo xornal foi o primeiro en denunciar esa tarde namentres moitos medios intentaban culpar aos desprazados desde Galicia.

Un asasinato de corte neo-nazi, tal e como este mesmo xornal foi o primeiro en denunciar esa tarde namentres moitos medios intentaban culpar aos desprazados desde Galicia.

 

Sei ben do que falo. Eu fun quen se ocupou daquela información, que me custou insultos e mesmo ameazas (oubeos, nada do que preocuparse). O tempo foi confirmando case ao cento por cen o que contei nun viral artigo titulado, sen timidez, 'Chámase Asasinato'. E así como se ía sabendo a verdade, fóronse xeralizando os apoios públicos a prol de xustiza para Jimmy, ao principio moi reducidos a determinadas peñas do Dépor, o BNG ou o ex-presidente do club branquiazul Augusto César Lendoiro. Deste xeito, finalmente, ata o Pleno do Concello da Coruña aprobou unha moción na que se pedía reparación para o seareiro e castigo aos culpables. Onte soubemos que iso non vai ocorrer. Complicado descreber tanta rabia nunha columna de urxencia.

Non son un experto en procedimentos legais, pero si que creo dispor de certa lóxica. E capacidade para expoñela. Por iso non podo entender que quede sen ningún tipo de castigo un asasinato do que existen imaxes e testemuñas, e no que participou boa parte dos máis activos e violentos fascistas de Madrid, suponse que fichados pola policía. Moito supoñer. Porque a sospeita dunha posible vista gorda por parte das forzas de seguridade españolas -que tardaron en aparecer malia que os neo-nazis armados levaban bastante tempo deixándose ver pola ribeira do Manzanares- estivo enriba da mesa desde o inicio, recollendo o que non é difícil sinalar como unha alianza histórica dalgùns sectores da extrema-dereita.

Porque é posible que do que esteamos a falar neste tema -como en tantos outros que teñen que ver coa España dos nosos tempos, que é a eterna- sexa dun proceso de fascistización, ou -mellor dito- de falta de disimulo por parte da sociedade máis ultra, moi numerosa e ben situada nos aparatos do Estado. Así, a inxustiza para Jimmy lévanos a falar dunha palabra clave: impunidade. Para uns, xa que para outros o que nos toca é lei mordaza e represión en fórmula crecente.

Impunidade para os asasinos de Jimmy. Impunidade para as decenas de agresións con rojigüalda na man que se están a producir en Catalunya. Impunidade para os policías que golpean as cabezas de activistas coruñeses. Trato de favor para Urdangarín. Liberdade provisiónal para La Manada. No outro lado, as vítimas, os presos políticos independentistas, os rapeiros e okupas encarcerados ou aqueles que xa non se poden defender, como Jimmy. Non por si mesmos, pero si moitos e moitas por el. Como foi durante estes catro anos e seguirá sendo.

Impunidade para os asasinos de Jimmy. Trato de favor para Urdangarín. Liberdade provisiónal para La Manada

 

É que por riba da xustiza oficial existe outra, e non falo da chamada “divina”, que non existe. Si a popular. A que de seguro que non pode suturar por completo as feridas de autos ofensivos como o que nos ocupa, pero si compensa mediante o orgullo de tribu, do saberse diferente e mellor ao adversario.

A delegada do Goberno en Madrid -polo tanto a encargada da seguridade- cando os fascistas mataron a Jimmy chamábase Cristina Cifuentes. Ela falou con palabras despectivas dos deportivistas e da súa vítima (mortal, houbo algún ferido ademais). Quixo incriminar aos seareiros galegos e non se lle coñeceu nin un só xesto dirixido a castigar aos culpables.

Uns meses despois, Cifuentes converteuse en presidenta dese enxendro chamado Comunidade de Madrid. Deixou o cargo hai pouco, tras ser cachada nunha lameira de corrupción e mentiras. Esta semana tamén foi noticia nos xulgados. Non acudiu a declarar. A súa acción foi recibida con desprezo xeralizado. Ela, en vida, está morta. Pola contra, malia inxustizas, nas bancadas dos estadios bérrase que o que significa Jimmy segue vivo. Así é.

Comentarios