O Xefe do Estado Maior da Defensa (Jemad, nas siglas en español), o xeneral Miguel Ángel Villarroya, pediu este sábado, 23 de xaneiro, o seu cese á ministra española de Defensa, Margarita Robles, para "preservar a imaxe das Forzas Armadas".
O xeneral Villarroya deu este paso tras a polémica por recibir a vacina contra a Covid-19 canda a outros altos mandos militares do Estado Maior da Defensa.
Poucas horas antes, coñecíase que o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, cesara o tenente coronel da Garda Civil que, integrado no Estado Maior da Defensa, fora vacinado contra a Covid dentro desta vacinación altos mandos militares.
Fontes do Ministerio do Interior informaron de que tras ter coñecemento do feito foi cesado "con carácter inmediato". A decisión, segundo apuntan as mesmas fontes, produciuse tras "solicitar e analizar todos os informes pertinentes". Foi entón cando o ministro do Interior ordenou, xa na noite da sexta feira, 22 de xaneiro, o seu cesamento.
Reintegrado
Desde o ministerio recordan de que o posto do tenente coronel cesado é de libre designación. Isto quere dicir que o militar será reintegrado noutra unidade da Garda Civil con outro cometido.
A ministra española de Defensa, Margarita Robles, pediu ao Jemad que fixese un informe onde explicase o plan de vacinación das Forzas Armadas.
Neste sentido, a Garda Civil difundiu unha comunicación interna recordando que hai que respectar a quenda de vacunación fixada polo Ministerio de Sanidade e rexeitar calquera ofrecemento á marxe do circuíto de distribución oficial, mesmo se é "de boa fe ou en situacións de vacina sobrantes".