Jarper Philipsen faise coa etapa na que a Volta se despediu da Galiza

O forte vento condicionou o desenvolvemento da tirada
O gañador da etapa, con final na Pobra de Sanabria (Foto: La Vuelta).
photo_camera O gañador da etapa, con final na Pobra de Sanabria (Foto: La Vuelta).

A Volta Ciclista a España dixo adeus á Galiza cunha terceira e última etapa en territorio galego que finalizou con vitoria do belga Jasper Philipsen, do Deceuninck Quick-Step, que consegue a súa primeira vitoria nunha das tres grandes roldas.

Con saída en Mos, lugar de nacemento de Óscar Pereiro, a etapa máis longa de toda a carreira, 230 quilómetros, comezou 30 minutos antes do previsto a causa dos fortes ventos, que condicionaron o desenvolvemento dunha tirada que tiña máis de 4.000 metros de desnivel e cinco cotas puntuábeis de terceira categoría: San Amaro, Carcedo, Furriolo, Fumances e o Padornelo.

A poucos quilómetros da saída, o pelotón atravesou Ponteareas -berce de grandes campións galegos sobre as dúas rodas como Delio e Emilio Rodríguez Barros, Manuel Rodríguez ou Álvaro Pino-, onde comezou a fraguarse unha fuga que non tardaría en ser absorbida polo pelotón.

Esta foi a tónica da fase inicial da etapa, con constantes intentos de escapada por homes como Ivo Oliveira, Juanpe López ou o gañador da segunda xornada en terras galegas, Tim Wellens.

Non obstante, non sería até os 60 quilómetros cando se consolidou unha conformada por 10 corredores á que 15 quilómetros máis tarde se unirían outros tres, entre eles Lastra e o propio Wellens.  

Porén, a falta de 40 quilómetros a vantaxe baixaba e comezaron os ataques, escapándose Mattia Cattaneo (Deceuninck Quick-Step), cazado a tan só catro quilómetros da liña de meta, estabelecida na Pobra de Sanabria.

Unha mancha de aceite na calzada condicionou o final, obrigando a tomar os tempos para a xeral a tres quilómetros de meta, sendo o debutante Jasper Philipsen quen gañou ao sprint. 

Comentarios