Jácome carga contra o PSOE por lle “obrigar” a pactar con Baltar

O alcalde de Ourense e líder de Democracia Ourensana votou esta sexta feira a prol da investidura de José Manuel Baltar como presidente da Deputación. Acto seguido, cargou contra o Partido Socialista por, dixo, obrigalo a facelo. “Xamais deberiamos perdoar o PSOE polo que nos obrigou a facer”, afirmou Gonzalo Pérez Jácome.

jácome
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. Foto: cedida.

Jácome é primeiro edil ourensán logo dun pacto co Partido Popular e Baltar. O acordo foi a cambio do seu apoio a este último no ente provincial. Atrás quedaron as virulentas acusacións mutuas entre a formación de Feixoo -“Jácome de alcalde sería letal para Ourense”, afirmou o presidente da Xunta en maio- e esa especie de trumpismo local que practica Democracia Ourensana.

A particular relación coa realidade de Pérez Jácome levouno a acusar esta sexta feira aos socialistas do sentido do seu propio voto e, practicamente, da coalición municipal entre Democracia Ourensana e PP. “Realmente os compañeiros de viaxe incómodos e imposíbeis eran o PSOE, o BNG e Ciudadanos”, dixo, antes de considerar o PSOE de “auténtico causante desta situación”. Segundo Jácome, a súa “primeira opción sempre foi o pacto a catro, pero a avaricia socialista rompeu o saco”.

“Estou totalmente orgulloso e son consciente de facer o axeitado, porque o único que importa é o fin. Dentro da realidade, o fin sempre xustifica os medios”, rematou.

Máis en POLÍTICA
Comentarios