Ourense

Jácome e Baltar celebran o seu “bo entendemento” e ter deixado “o pasado atrás”

O alcalde de Ourense Gonzalo Jácome mantivo o primeiro encontro institucional co presidente da deputación Xosé Baltar. O rexedor da cidades das Burgas definiu os primeiros días de goberno de ambas as institucións como “os de maior entendemento ca nunca" e afirmou ter deixado atrás o pasado en relación á rivalidade política co líder popular.

Jácome e Baltar
photo_camera Jácome e Baltar

Nun encontro mantido entre o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da deputación, Xosé Baltar, púxose de manifesto a boa sintonía entre ambas as institucións, afirmando o rexedor que reinaba “o bo entendemento”. Jácome comezou a súa intervención asegurando que “a pesar do paradoxo e en contra do pasado" este novo tempo político "caracterízase pola rapidez á hora de chegar a acordos entre as dúas administracións". O alcalde de Democracia Ourensá tamén afirmou que deixou “atrás o pasado” en referencia ao enfrontamento que durante anos tivo co presidente da institución provincial.

Baltar sinalou que esta situación de entendemento é "toda unha honra e pracer", enterrando así a rivalidade política existente no pasado

Esta quinta feira 4 de xullo celebrouse pois a primeira reunión institucional entre ambos. Baltar sinalou ao respecto que esta situación de entendemento é "toda unha honra e pracer", enterrando así a rivalidade política existente no pasado.

Baltar informou que para unha maior conexión entre ambas as dúas institucións manterase unha reunión de carácter mensual alternando a súa celebración no edificio do concello e da deputación.

Puxeron ademais en valor os eixes en que se baseará a relación e que serán a "lealdade" e a "cooperación". Na xuntanza tratáronse principalmente as dúas medidas principais do programa de Democracia Ourensá, e que radican na construción dun parque acuático e un Centro de investigación de Intelixencia Artificial, dos que Baltar resaltou que teñen futuro.

Manterase unha reunión de carácter mensual alternando a súa celebración no edificio do concello e da deputación

Aínda así, o presidente provincial avogou polo parque acuático de Monterrei, que podería estar en cuestión de meses, mais Jácome avogou por un modelo de parque termal que no seu criterio “supoñería unha fama a nivel europeo para Ourense", un proxecto moito máis ambicioso e que tardaría anos en materializarse, e anunciou que non vai renunciar á súa idea.  

Jácome tamén puxo en valor o compromiso de Baltar por poñer inmediatamente a disposición do concello un lugar para albergar o Centro de investigación de Intelixencia Artificial, que será acollido polo Edificio Provincia Intelixente, ideado pola deputación.

Comentarios