Izquierda Unida rompe “a todos os efectos” coa federación de Madrid

A decisión foi aprobada co 70% dos votos no Consello Político Federal. A formación di que ningún dos e das 5.000 militantes serán dados de baixa.


Todo apuntaba a pasada semana a unha ruptura definitiva entre a dirección de Izquierda Unida e a súa federación madrileña. Este domingo, o Consello Político Federal, órgano principal entre asembleas, decidiu romper “a todos os efectos, legais, xurídicos e políticos” con IUCM. A decisión contou co 70% dos votos, entre elas, a do coordinador federal, Cayo Lara.

IU creará “unha estrutura sen personalidade xurídica” –a federación madrileña estaba rexistrada como organización independente- que acollerá as e os 5.000 militantes da federación, segundo informou a formación. Parte da militancia de IUCM, contraria a decisión, denunciou que se trata dunha “expulsión”, en reaccións recollidas pola axencia EFE.

A dirección de IU entende que será a federación quen afronte os case dous millóns de euros de débeda. Tamén reclama as siglas do partido, un conflito que podería rematar nos tribunais como ocorrera en 2011 durante a ruptura coa federación de Euskal Herria. 

Comentarios