IU apoia confluír con Podemos pero baixo unha candidatura sen siglas

A dirección aprobou por ampla maioría concorrer ás eleccións xerais nunha lista de unidade popular “contra o bipartidismo”. Intervén a federación de Madrid como paso previo a súa expulsión.

alberto garzón (foto IU)
photo_camera Alberto Garzón tras a reunión (imaxe: IU)


Izquierda Unida decidiu este venres confluír nunha “candidatura de unidade popular para gañar as eleccións xerais”. A dirección do partido aprobou por ampla maioría a folla de ruta presentada polo seu candidato, Alberto Garzón, que apostou por unha lista conxunta das forzas de esquerda "contra o bipartidismo" e onde os partidos renuncien as súas siglas. 

A Presidencia Federal de IU ratificou o xiro após os malos resultados das municipais e autonómicas. O sector crítico coa disolución da marca nunha fronte unitaria, encabezado polo coordinador Cayo Lara, cedeu fronte ao grupo de Garzón. A decisión contou co apoio do 90% da dirección.

O obxectivo da candidatura de unidade popular sería que despois das xerais “non estean na Moncloa nin PP nin PSOE, senón que a xente acorde un programa progresista”, defendeu o deputado malagueño. Garzón quere atraer ademais de Podemos a forzas como Equo, ICV, Anova ou Compromís.

Por este motivo, o candidato de IU está organizando reunións con diferentes líderes, entre eles, o portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras. Está previsto que a próxima semana se reúna tamén con Pablo Iglesias, para tratar de achegar posturas. 

Desde Podemos non valoraron a proposta de IU e reafirmaron as declaracións do seu líder, que advertiu de que “a aposta polo cambio nada ten que ver con acordos entre partidos nin en balsas de salvamento para ninguén”. Iglesias defendeu que Podemos acuda con marca propia nas xerais.

Pendente a expulsión de IU Madrid

A outra cuestión que marcou a reunión da Presidencia de IU foi o futuro da federación madrileña. Non se aprobou a esperada expulsión, que quedou posposta até a próxima semana. Todas as informacións apuntan a unha desfederación da organización, que provocaría a baixa das e dos 5.000 militantes que terían a opción de integrarse nunha nova marca de IU en Madrid. 

 

Comentarios