'A derradeira lección do mestre' reproduce unha estampa de 'Galicia Mártir'

Biografía dun lenzo

A pintura como medio de comunicación, axitación e propaganda. Expresión de estremecementos íntimos e colectivos. A súa función é tamén simbólica, emblemática. O rastro da destrución dun pobo. Todos eses elementos, e moitos outros, respiran en A derradeira lección do mestre, o óleo que Castelao pintou no exilio e que se exporá en Galiza por primeira vez a finais deste ano.
 

homenaxe bóveda
photo_camera Día da Galiza Mártir en Bos Aires coa presenza de Castelao e un busto de Alexandre Bóveda.

“Xa na Arxentina, Castelao estabelecera o 17 de agosto como o Día da Galiza Mártir”, explica Miguel Anxo Seixas, autor da máis completa biografía do rianxeiro, unha tese de 1.700 páxinas aínda por publicar. Nese día do ano 1945, o Centro Ourensán de Bos Aires -“o máis galeguista da diáspora”, sinala Seixas- inauguraba un busto en honra a Alexandre Bóveda. Ao carón, descubríase un lenzo de dous metros de altura e 136 cm de ancho: A derradeira lección do mestre.

A obra era, en realidade, unha ampliación da estampa homónima incluída no álbum Galicia Mártir. Segundo Seixas, os problemas de vista que Castelao padecía obrigárono a aumentar o tamaño da escena. “O cadro reflicte, ademais, a importancia dos mestres, unha lembranza de como a República apostara por eles para construír cidadanía republicana”, engade, “porque o ensino estaba, ate daquela, en mans da Igrexa”.

derradeira-leccion-mestre 2

O patrimonio do Centro Ourensán acabou no Centro Galicia da capital da Arxentina, onde hoxe se pode ver a obra e co que negociou a Xunta para expola en Galiza.

A orixe do óleo estaba directamente relacionada coa fenda que atravesou a vida de Castelao e de galeguismo republicano: a Guerra Civil. En 1937, o Goberno lexítimo da República encargáralle os debuxos que conformarían os célebres tres álbumes de guerra. Galicia Mártir e Atila en Galicia publicaríanse en Valencia. O terceiro, deseñado tamén na capital provisional da República e titulado Milicianos, apareceu xa en Nova York. Alí recalara o Castelao propagandista demócrata.


 
A materia coa que compón a trioloxía -inspirada nos Desastres da Guerra de Goya, en opinión de Seixas- íalle chegando á Valencia asediada de maneira confusa”. “Tiña noticias de violacións, mulleres ás que lle rapaban o pelo, fusilamentos, en Galiza. Mais había moita distorsión. De feito, chegan a dar por mortos a Lorenzo Varela e a Piñeiro”, relata. Co que a barbarie fascista fixera na súa terra natal armou poderosas, expresivas pezas de arte política. Que percorreron o mundo.

“As estampas reproducíronse en revistas marxistas, comunistas, anarquistas... Reimprimíronse por todo o mundo, na Arxentina, na China... para apoiar o bando republicano. Tiveron repercusión internacional”, afirma Miguel Anxo Seixas. Estes orixinais, entre eles o xermolo de A derradeira lección do mestre que visitara Galiza por primeira vez, atópanse depositado no Museo Provincial de Pontevedra.

Comentarios