Multitudinario protesto

“Isto é a guerra, Alcoa non fecha”

[ACTUALIZADA ÁS 14.40] Varios milleiros de persoas colapsaron o centro da cidade da Coruña na mañá do sábado para esixiren a retirada do ERE extintivo presentado por Alcoa e que supón o feche da factoría coruñesa e da perda de máis de 400 postos de traballo directos.

alcoa 1
photo_camera [Imaxe: espiral_MRG]

imaxeBaixo o lema “Estabilidade enerxética, futuro para a industria xa”, varios milleiros de persoas percorreron o centro da Coruña na mañá do sábado contra o feche da factoría que Alcoa ten na cidade. “Isto é a guerra, Alcoa non fecha”, "Enerxía solución" ou "Fóra iankees, panda de mangantes"  foron algunhas das consignas máis coreadas polas persoas que responderon ao chamado dos traballadores.

Juan Carlos López, presidente do Comité de Empresa de Alcoa na Coruña, esixiu ao inicio da manifestación a retirada do ERE de inmediato porque “non se pode impoñer esa solución sen negociación”. "A partir da retirada do ERE, ten que abrirse unha mesa de negociación. Isto non pode parar", agregou. 

O presidente do Comité tamén salientou que as plantas da multinacional do Estado español son produtivas “alén do que manipula Alcoa” e denunciou que as axudas públicas concedidas á multinacional non reverteron en mellora ningunha nin nas condicións laborais dos traballadores, que xa advertiron de que non pararán de producir.

Na mesma liña, apuntou que desde 1998 a 2014, A Coruña e Avilés -factorías que Alcoa quere fechar- xeráronlle á multinacional "unha riqueza de 1.490 millóns". Cartos, denunciou, que "foron investidos na planta de Arabia Saudita, Islandia e compañía".

Juan Carlos López sinalou como "culpábel do ERE" a empresa, mais tamén se pronunciou sobre a "tomadura de pelo" do mercado eléctrico. "Os consumidores estamos fartos. Para os grandes intensivos pasouse de 3 millóns ao mes antes, a 6 millóns de euros ao mes agora, é un cachondeo".

A empresa anunciou o feche das fábricas da Coruña e de Avilés. O ERE non lle afectaría á factoría de San Cibrao (Cervo), cuxos traballadores se desprazaron este sábado á Coruña para participar da mobilización, á que se sumaron as e os representantes políticos de todas as forzas políticas.

Reaccións das forzas políticas

Ao remate da marcha subiu o estrado o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), para expresar que a cidade "non deixa ninguén atrás, desde hoxe e até que isto se solucione, todas e todos somos traballadores de Alcoa".

Tamén participou da manifestación o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, quen sinalou que o anuncio de feche representa "unha preocupación moi importante" para o Goberno galego e quen apelou a un "traballo conxunto entre as institucións".

Luís Villares, portavoz de En Marea, esixiu o mantemento dos postos de traballo e reclamou perante a prensa "a devolución das axudas públicas" de se consolidar o feche "para evitar que mentres uns accionistas en EEUU se reparten 200 millóns en beneficios, aquí centos de familias queden na rúa". Villares considerou tamén imprescindíbel a modificación do sector eléctrico "para facer competitiva toda a industria". "A primeira medida é sacar a produción hidraúlica, eólica e nuclear das poxas diarias de enerxía e obrigar a que sexa vendida a longo prazo con prezos xustos e estábeis".

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, declarou que a ministra de Industria lle trasladou que "a estratexia de traballo está centrada no mantemento dos postos de traballo". "A prioridade pasa por que non se presente o ERE e se abran liñas de acción para o que buscamos: que a planta manteña o nivel de emprego", agregou.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, ademais de centrar o foco de atención na defensa dos postos de traballo, puxo a ollada na reivindicación dunha tarifa eléctrica galega, "resulta inconcibíbel que nunha Galiza excedentaria vexamos como hai 400 postos de traballo en risco por culpa dunha regulamentación que só pensa nos intereses das empresas eléctricas e que marxina Galiza". "Para nós é indignante que nestes anos se vetasen as propostas para unha tarifa eléctrica galega que nos permitiría non estar hoxe nesta situación porque abarataría non só o prezo para as industrias, senón tamén para as persoas", expuxo, "temos unha electricidade pola que tamén pagamos un custo social e ambiental".

A CIG insiste na tarifa eléctrica galega

Tamén insistiu na tarifa eléctrica galega o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen defendeu a necesidade de "retomar un consenso político sobre o sistema eléctrico, en base á proposta que a CIG formula para a creación dunha tarifa eléctrica galega que permita abaratar o custo da enerxía e a implantación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas de grandes consumos baixo o cumprimento dunha serie de requisitos e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias". Lembrou, ao respeito, a ILP presentada polo sindicato para lograr a tarifa eléctrica galega. Iniciativa que non prosperou pola negativa do PP.

Comentarios