Oriente Próximo

Israel dá luz verde ao polémico proxecto de teleférico en Xerusalén

O plan xerou controversia dado que conectará a parte occidental da Cidade Santa coa parte oriental da urbe, ocupada por Israel desde 1967 e que os palestinos reclaman como capital dun futuro Estado.

teleferico
photo_camera Proxecto de construción do teleférico en Xerusalén. Foto: palestinalibre.org

Israel aprobou onte o último trámite para construír o polémico teleférico que unirá Xerusalén Oeste co Muro das Lamentacións, dentro da Cidade Vella e na parte oriental ocupada da cidade. O Comité de Planificación, Construción e Vivenda, encabezado polo ministro de Finanzas, Moshe Kahlon, deu luz verde ao plan.

«Trátase dun proxecto nacional que vai máis aló do transporte e da infraestrutura turística», sinalou o representante gobernamental nun comunicado recollido polos medios de comunicación israelís.

Para as autoridades do Estado de Israel, o teleférico é un elemento estratéxico que axudará a incrementar o turismo e a desconxestionar o tráfico, ao tempo que facilitará o acceso ao Muro das Lamentacións, o lugar de culto máis sagrado para o xudaísmo.

Oposición palestina

Porén, a iniciativa xerou controversia dado que conectará a parte occidental da Cidade Santa con Xerusalén Leste, ocupado por Israel desde 1967 e que os palestinos reclaman como capital dun futuro Estado. Os líderes da Autoridade Nacional Palestina opuxéronse desde un primeiro momento á súa construción, cando se anunciou en 2017, dado que a consideran un paso máis na colonización da zona oriental.

Tamén recibiu críticas de académicas e académicos, profesionais da arquitectura e da arqueoloxía e grupos en defensa do patrimonio histórico, como a ONG Emek Shaveh, informan as axencias internacionais. Esta última anunciou un recurso xudicial contra o proxecto nos próximos días.

Comentarios