Isowat afronta o seu feche definitivo tras o cese do plantel

As traballadoras asinan o ERE extintivo.
Protesta Isowat
photo_camera Protesta do plantel de Isowat nas oficinas da Xunta na Coruña. [Imaxe: Europa Press]

Un novo feche engade máis leña ao lume da crise industrial que sofre Galiza. Trátase da planta de Isowat na Coruña, que afronta o seu feche definitivo. Cando menos así o ve Cándido López, presidente do comité de empresa, para quen o ERE extintivo comunica-do ao administrador concursal supón o cese definitivo da actividade da factoría. 

As traballadoras e traballadores da filial de Invertaresa celebraron unha asemblea a pasada segunda feira onde decidiron asinar, con acordo, o ERE extintivo que comunicaron ao administrador concursal, que se fixo cargo da mesma despois de que Invertaresa entrase en concurso de acredores.

O feche da planta, dedicada ao deseño e fabricación de compoñentes eléctricos, afecta a 66 traballadoras que tentaron por todos os medios salvar a situación. “Tentamos crear unha sociedade anónima laboral, pero non vimos unha saída boa”, lembra o presidente do comité, que agora agarda polo auto da xuíza sobre a aprobación do ERE.  

De nada serviron tampouco as numerosas mobilizacións que durante meses levaron a cabo as persoas integrantes do plantel, nin os intentos dun potencial investidor por chegar a un acordo con Abanca, o principal acredor. “A oferta que chegou, chegou tarde”, lamentou López, quen lembrou que o investidor presentou a súa oferta en xuño, pero non obtivo resposta da entidade presidida por Juan Carlos Escotet até setembro.

A ‘desidia’ da Xunta

Outra das decisións que levou a empresa até esta situación foi a “pouca implicación” por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na procura dunha solución, ou mesmo para actuar como interlocutor na negociación entre a multinacional e Abanca. Porén, desde o comité recoñecen a “disposición” do conselleiro de Industria, Francisco Conde, e dos técnicos do seu departamento. 

O exemplo máis claro desa desidia é o que aconteceu coa planta de Invertaresa de Made en Medina del Campo. Tras a liquidación da matriz, as plantas de Coruña e Medina quedaron á espera da chegada dun investidor. No caso da galega non saíron adiante as negociacións, mentres que na de Medina contaron coa axuda da Xunta de Castela e León en forma de empréstito para que o plantel volvese ao traballo. 

Apoio das políticas

Da confirmación do feche de Isowat, informou, no pleno que a corporación coruñesa desenvolveu onte, o concelleiro de Marea Atlántica, Iago Martínez, quen lamentou "o feche definitivo" e trasladou unha mensaxe de apoio aos traballadores e as súas familias.

Ás súas palabras, sumáronse os demais grupos políticos. Desde o BNG, o seu portavoz, Francisco Jorquera, criticou "a ineficacia demostrada polo Goberno central e a Xunta", dixo ao reprochar o seu papel en relación a esta planta. A alcaldesa, Inés Rey, expresou tamén o "total apoio" desde a corporación coruñesa.

Tamén no Parlamento houbo manifestacións en apoio ás traballadoras de Isowat. Luca Chao, portavoz do Grupo Común da Esqueda sinalou que "a perda de Isowat supón a perda dunha empresa industrial moi importante, que era rendíbel e tiña carteira de pedidos. A súa mala situación respondía a unha pésima xestión e a un nulo compromiso por parte da Xunta para buscar unha solución". Na mesma liña, Antón Sánchez apuntaba que Isowat tiña "unha capacidade máis que demostrada nun sector que nos vindeiros anos terá numerosas oportunidades de traballo".

Comentarios