Isabel Gómez e as casas refuxio de Porto para a diáspora republicana

Luís Bará narra a historia desta galega represaliada xunto a súa familia que foi acollida no país veciño.

Isabel e a súa familia
photo_camera Isabel Gómez e cinco das súas crianzas no Porto (1937-38)

Isabel Gómez é un de tantos nomes da represión fascista na Galiza. O seu home, o médico redondelán Telmo Bernárdez foi fusilado o 12 de novembro de 1936 na Caeira (Pontevedra). Os seus fillos maiores, Telmo e Suso, foron apresados e encarcerados pasando polas prisións de Pontevedra, Ponte Caldelas, San Simón, Figueirido e San Cristóbal (Pamplona), o primeiro, e Redondela e San Simón, o segundo. 

Após saíren da prisión en 1947 e 1936, respectivamente, Telmo fuxiu exiliado para Portugal e de alí para México. Pola súa banda, Suso permanecería no país veciño sendo acollido na casa refuxio de Silo Cal Muíños, natural de Redondela, e a súa compañeira, Amélia Cal Brandao, no Porto. Esa mesma casa e familia, a de Silo e Amélia, dera acubillo a outra das fillas de Telmo e Isabel, Bela Bernárdez, en 1937, unha mestra depurada, ameazada e perseguida polo fascismo. 

No Porto, Silo e Amélia, tamén deran asilo á nai, Isabel Gómez, e aos seus dous fillos máis pequenos. No seu exilio, para alén de Porto, peramenceron en Paris, Nova Iorq e, finalmente, México. 

Isabel Gómez no Porto

A historia desta familia foi recuperada, narrada e tirada do esquecemento polo activista e concelleiro do goberno local de Pontevedra Luís Bará através do seu blogue Non des a esquecemento

A súa investigación levou Bará a contactar cos descendentes da familia Bernárdez Gómez en México na procura de imaxes de Isabel da que non constaba fotografía algunha nen o seu nome aparecía rexistrado nas extensas listaxes de represaliad@s, "ao igual que tantos homes e mulleres anónimos", sinala Luís Bará. 

Após estabelecer contacto en México, foi desde Porto que chegaron as imaxes de Isabel Gómez, através de Luísa Tiago de Oliveira, estudosa da solidariedade de Portugal, especialmente no Porto, ás persoas exiliadas. 

"Non hai memoria sen nomes, sen vidas, sen imaxes... As fotografías son como unha especie de retorno á casa, á Terra", conclúe Bará quen agarda recibir máis dados para continuar a escribir a historia d@s Bernárdez Gómez. 

Comentarios