Iris Malvido, candidata número 1 de En Marea por Pontevedra

"Galiza ten que estar onde se toman as decisións"

Iris Malvido encabeza a candidatura de En Marea ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra. É licenciada en Psicoloxía nas especialidades social e clínica e viviu en Australia e en Inglaterra, onde traballou no ámbito de menores con rapazas e rapaces con problemas de conduta, trastornos alimentarios e trastornos do espectro autista. Tamén traballou como profesora de castelán e no sector servizos. Preséntase ás eleccións xerais co obxectivo de “dar voz ás galegas e galegos no Estado”, crendo “nunha política que coide a diversidade, que respecte e potencie as diferenzas, e que estea pensada por e para a xente”. Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.

iris mavigo
photo_camera Iris Malvido

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

Xogámonos moito, ter unha voz que defenda os nosos intereses como país en Madrid e pór sobre a mesa demandas históricas, como a transferencia da AP-9 e a necesidade de que sexamos nós quen estruturemos o noso territorio, porque somos as galegas e os galegos quen mellor o coñecemos, ou por exemplo a transferencia da Inspección de Traballo, que contribuiría a avanzar no marco galego de relacións laborais.

Estas eleccións danse nun momento histórico onde se van debater cuestións tan importantes como a configuración do Estado

Estas eleccións danse nun momento histórico onde se van debater cuestións tan importantes como a configuración do Estado ou a posíbel modificación da Constitución española e Galiza ten que estar onde se toman as decisións estratéxicas, defendendo o seu papel xeopolítico e o seu status de nación histórica.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Os tres anos de Raxoi foron nefastos, nin unha soa competencia para Galiza e con orzamentos irrisorios. A caída do Goberno do PP, aínda que supuxo a entrada de aire fresco, non implicou melloras significativas para o noso país. Non avanzamos en cuestións fundamentais para nós como son a posta en valor da Galiza atlántica, os corredores europeos de mercadorías, o sistema ferroviario ou a conexión entre portos.

Ignorouse a axenda galega do cambio á hora de negociar os orzamentos, o que provocou o noso voto en contra

Ignorouse a axenda galega do cambio á hora de negociar os orzamentos, o que provocou o noso voto en contra. Ademais, tampouco se tocaron temas de calado social fundamental como é a derrogación das reformas laborais e da Lei mordaza.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Para min as tres principais problemáticas ás que se enfronta o noso país están fortemente relacionadas e incardinadas á situación de destrución de emprego de calidade, ataque directo e desertización do noso tecido industrial e empeoramento das condicións laborais.

Estas problemáticas son a emigración da mocidade galega (que sufrín nas miñas propias carnes, e que supón unha perda vertixinosa de talento), a precariedade, a inestabilidade laboral e o desemprego, que se cristalizan nos alarmantes datos do Instituto Galego de Estatística con arrepiantes taxas de temporalidade e parcialidade. Tamén cómpre sinalar a decrecente capacidade adquisitiva dos salarios, coa consolidación de fenómenos como as traballadoras e traballadores pobres, ou a feminización da pobreza, así como o incremento das desigualdades e da exclusión social.

Precisamos mudar o contexto socioeconómico e a dinámica territorial, con políticas que teñan en conta a nosa realidade

Todo isto inflúe na terceira gran problemática: o devalo demográfico. Non se dan as condicións para que as persoas mozas que estamos en idade de ter fillas poidamos dar o paso para telas, no caso de que quixésemos.

Para resolver estas problemáticas precisamos mudar o contexto socioeconómico e a dinámica territorial, con políticas que teñan en conta a nosa realidade e vaian dirixidas a garantir dereitos laborais e salarios dignos e destinando recursos a reverter o despoboamento do rural e do interior. Nesta liña precisamos apostar no tecido industrial galego e na transición ecolóxica. Defender claramente un modelo racional de explotación dos nosos recursos naturais, un modelo ecolóxico e sostíbel, que xere emprego e non destrúa os nosos sectores produtivos. Un modelo económico que analice a situación real, que teña en conta a entrada da cuarta revolución industrial e dos procesos de dixitalización, e que recolla a necesidade da redución das xornadas laborais, o incremento dos salarios e a defensa do dereito ao lecer das persoas.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

As miñas referentes son dúas mulleres e as dúas de Pontevedra: Alexandra Fernández (ex deputada de En Marea) e Lali (Olaia Fernández Davila, do BNG), por levar a nosa voz a Madrid e dignificar o noso país.

Como ve as opcións de En Marea na cita electoral?

Teño moi boas vibracións, hai enerxía e ganas de consolidar este proxecto. Cremos que o pobo galego vai avalar nas futuras eleccións o proxecto de En Marea. Un proxecto baseado en tres eixos: o nacional, a través da defensa dos intereses das galegas e dos galegos; o social, a través da busca de maiorías progresistas; o estatal, de defensa do sistema público; e a radicalidade democrática, a través da creación de espazos e mecanismos onde a sociedade galega se sinta escoitada e coa defensa do dereito a decidir en toda as nosas facetas da vida (como pobo galego, como mulleres, como persoas mozas, etc).

Teño moi boas vibracións, hai enerxía e ganas de consolidar este proxecto

Consideramos que un modelo máis humano e cooperativo é posíbel, un modelo no que se potencie a diversidade en todas as súas expresións: de xénero, sexual, racial, funcional, lingüística, cultural, filosófica, ideolóxica...

Comentarios