DúBIDAS SOBRE SE HABERá CONSULTA NO FORO POLíTICO

5.800 persoas, censo final para as primarias de IpU

O vindeiro domingo, un total de 5.812 persoas censadas no proceso de Iniciativa pola Unión están chamadas a participar nas eleccións primarias, das que sairán as listaxes de Nós. Candidatura Galega. Á vez, Podemos rexeitaría a convocatoria de primarias no seo do Foro Político.

[Imaxe: IpU] Reunión de IpU
photo_camera [Imaxe: IpU] Reunión de IpU

5.812 é o número de persoas inscritas no censo de Iniciativa pola Unión para participar na votación das eleccións primarias a través das que se configurarán as listas de Nós. Candidatura Galega.  A plataforma fechou na tarde de onte o prazo para poder votar nas primarias deste domingo, que terán lugar en diferentes cidades e en diferentes vilas do país entre as 9 e as 15h.

As persoas censadas poderán votar unha persoa que encabece a candidatura ao Congreso na súa circunscrición electoral e, ao respecto do resto da candidatura, poderá votar como máximo catro persoas no caso da Coruña; unha persoa no caso de Lugo e de Ourense e tres persoas no caso de Pontevedra. No que atinxe ao Senado, poderase votar como máximo dúas persoas en cada provincia.

IpU deseñou o proceso de primarias pensando "en servir a un proceso de confluencia no que todo o mundo se sinta cómodo"

Na rolda de prensa da pasada sexta feira, a Coordinadora indicou que este sistema “busca garantir a maior participación posíbel e que as maiorías non esmaguen as minorías”. “Cando fixemos este modelo non pensabamos en IpU, senón en servir a un proceso de confluencia no que todo o mundo se sinta cómodo”, sinalaban membros da Coordinadora.

Podemos rexeita as primarias na candidatura do Foro Político

Coincidindo co feche do censo das primarias de IpU, La Voz de Galicia fai público hoxe que Podemos, que fixera das primarias un dos elementos constitutivos da súa política, descarta este método para a candidatura do Foro Político. “Podemos négase a levar a cabo de maneira aberta o proceso de designación”, recolle La Voz.

O documento aprobado polo Foro Político recolle a convocatoria de eleccións primarias

Cómpre lembrar que o documento aprobado polo Foro Político recolle, no seu punto tres e baixo o epígrafe “Candidatura plural e cívica para vencer”, a convocatoria de “eleccións primarias abertas á cidadanía”. O prazo que estabelece a lexislación para a presentación das candidaturas ao Congreso e ao Senado finaliza o día 16 de novembro.

Comentarios