GORETTI SANMARTÍN

“Investimos un millón de euros en axudas a festivais, o dobre do que fai a Xunta en todo o país”

Dous anos após entrar no goberno da Deputación, a súa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, fai balanzo do feito até o momento, das frustracións e dos retos que lle quedan por abordar. 

goretti
photo_camera Goretti Sanmartín

-Vén de facer dous anos de goberno como vicepresidenta da Deputación. Que balanzo fai do conseguido até o momento e do bipartito co PSdeG?


-Hai un balanzo positivo porque nós tiñamos un acordo de goberno moi sólido, claro e rigoroso, á vez que ambicioso, que tiña moi marcadas as liñas por onde discorrer o noso traballo. Daquela, creo que conseguimos ir avanzando cara a ese cambio de modelo que nós diciamos que era necesario. E houbo cambios substanciais. Probabelmente o máis rotundo sexa o que exemplifica o Plan Único dos Concellos, que é poñer en marcha unha maneira distinta de relacionarnos cos concellos, en plan de igualdade, moito máis libre, de ti a ti, onde deixamos que os concellos adquiran o grao de madurez necesario para que sexan eles quen decidan en que investir os cartos que reciben. É un plan que inicialmente está dotado con 74 millóns de euros, mais que logo vai recibir outras achegas de remanentes a finais de ano. Financia proxectos a 100 por cen e déixalle aos concellos liberdade para investir en gasto corrente, en investimentos... para nós é un cambio revolucionario que vén para ficar e todo o mundo -alcaldes e alcaldesas, tanto ten de que partido sexan- están a aplaudir. Por outra banda, había outra aposta clara, que era traballar a liña de buscar a obxectividade e a transparencia en todo o que era a concesión de axudas e subvencións, quer a concellos quer a entidades, e aí fixemos un esforzo moi grande, reducindo a 5 por cent as subvencións nominativas, como estaba no noso acordo de goberno, eliminando os elementos discrecionais e subxectivos, e indo a criterios obxectivos e independentes, con comisións internas de valoración das liñas de subvención, e buscar liñas que fosen moito máis especializadas. Por outra banda, a última cuestión que centrou toda a nosa liña de traballo foi sempre unha aposta pola creación de emprego, directamente no Plan de Emprego Local, mais tamén na perspectiva de todas as áreas. 

“En cultura conseguimos volver recuperar niveis orzamentarios anteriores á crise”

-Algunha frustración?


-Hai unha cuestión e é a lentitude da administración nalgúns casos, non tanto porque non teñamos unha complicidade moi grande co funcionariado, que fan un traballo que eu tamén quero agradecer, pero ás veces é certo que os proxectos que temos na cabeza son moitos e van moito máis rápido do que poden ir os cambios nunha administración, que ten que ser garantista e ás veces todo iso leva meses. Aínda hai plans que están agardando saír a luz, aínda hai liñas que tiñamos deseñadas e están agardando. Esa é a máxima frustración, xunto co feito de que a Xunta non sexa capaz de non lle dar as costas a cuestións de racionalización do que temos nestes momentos. Independentemente de que nós desde o BNG sempre estivemos por que as deputacións desaparecesen, o mínimo que hai que facer é racionalizalas e delimitar gradualmente os seus usos para responder ás necesidades dos pequenos e medianos concellos. Hai moitas estradas, por exemplo, que tiñan que ser de ámbito galego. E xa non falamos de frustración, porque espero que se leve a cabo, senón un reto, refírome a conseguir reverter para o público o servizo de bombeiros. Levamos moito tempo traballando niso e nestes próximos dous anos imos ver se somos capaces, porque nós temos os deberes feitos, e temos que ver se a lexislación do Estado e da Xunta cumpre, e o conseguimos neste mandato.


-E autocrítica?

-Temos que afondar máis no que son as transferencias, que estaba no acordo de goberno. Si que conseguimos avanzos significativos no que se refire aos concellos, por exemplo no Castelo de Vimianzo, nas Torres do Allo, no Teatro Colón na súa xestión... Pero fican eses avanzos cara á outra parte, que era conseguir que a Xunta se fixese cargo dalgúns servizos que deberían de pertencer desde a nosa perspectiva ao Goberno galego. Por exemplo, que sexa transferida a ponte entre Rianxo e Catoira. E, como iso, centros diversos que posúe a Deputación.

Conseguimos facer unha ordenanza de uso da lingua galega que foi aprobada por unanimidade no pleno

-A nivel da súa área, de Cultura e Normalización Lingüística, cal sería o balanzo?


-No caso de Cultura conseguimos volver recuperar niveis orzamentarios anteriores á crise e puxemos en marcha liñas moi específicas, apostando en eliminar as subvencións nominativas, e sacamos liñas específicas de festivais, de museos e de centros de interpretación e canto á aposta na rede cultural, que xa existía, pois dotámola de moito máis orzamento. Este ano vai mover tres millóns de euros de orzamento en actuacións por toda a provincia, que pasan das 1.600. Fixemos tamén, en diálogo co sector, un intento de diferenciar as distintas programacións que leva: a dedicada directamente ao teatro, á música e ás artes profesionais; outro específico non profesional; e un programa novo, que é o Visións, que tenta difundir o cinema galego, que ademais tivo moi boa acollida. Aliás, estamos a dar un apoio grandísimo aos festivais como elementos de dinamización cultural. Investimos un millón de euros en axudas a festivais, practicamente o dobre do que fai a Xunta en todo o país. É un investimento que supón unha aposta polo sector cultural como sector importante de dinamización económica. 


-Hai quen di que están a facer unha política de consellaría.


-A ver, nós temos que dedicarnos a aquilo no que temos competencias. Hai cuestións que teñen que ser asumidas desde a Consellaría, e a Deputación non pode abordar nin debe facelo, mais si que é certo que recuperamos cantidades que desde que comezou a crise non se estaban utilizando, e conseguimos ademais delimitar cales son as liñas fundamentais para o tecido cultural e económico da provincia. Eu creo que ese é o cambio de modelo no que estamos, sempre sabendo que hai cousas que non son da nosa competencia e que este é un sector que sofreu moitísimo. Aquí é necesario dar un salto. Nós conseguimos incrementar as cantidades, e reordenar e reorganizar o sector, pasando dunha arbitrariedade e dunha discrecionalidade a un sistema regulado onde as entidades saben que vai haber unha certa estabilidade, porque saben que van ter unha liña e un sistema que é obxectivo, cunha comisión de estudo externa avaliando o que se fixo o ano anterior; polo tanto, estamos reordenando. Evidentemente nós non estamos facendo a política que ten que facer a Consellaría, que debería incrementar as cantidades que dedica a este sector.

Temos que agardar [a que entre en vigor a ordenanza] a que se resolva un recurso presentado pola Mesa pola Liberdade Lingüística que pensamos que non vai prosperar

-Cales son os vosos obxectivos para o sector cultural? Cal vos gustaría que fose o voso legado?


-O legado tería que ser a capacidade de recoñecer perfectamente cal é a análise do sector cultural e poder servir de axuda para que toda esa riqueza e toda esa potencialidade que ten ese sector teña o apoio necesario para poder facer o que sempre quixo facer e que en determinadas épocas tivo que abandonar. E facendo todo iso con transparencia, obxectividade e con paredes de cristal, para que todo o mundo saiba como se fan as axudas, con comisións independentes. E gustaríanos conseguir que a cultura que se está a facer nestes momentos chegue aos concellos pequenos e medianos. Ás veces hai esa idea de facer case todo arredor das cidades, mais hoxe en día hai vilas moi potentes desde o punto de vista cultural que temos que apoiar, e apoiar os pequenos para que poidan ter unha oferta digna. Un exemplo é a rede cultural, onde incrementamos a porcentaxe de axuda aos de menos de 5.000 habitantes. Esa é a idea, que calquera persoa poida ter unha programación cultural digna independentemente do lugar onde viva.

-A profesionalización do sector cultural é algo no que incidides moito. Por que?


-Porque pensamos que é importante que quer os artistas quer os profesionais poidan vivir disto e que teñan unha formación adecuada. Tamén estamos a traballar en programas de formación para os técnicos de animación cultural. Ese é un camiño, aliás, que demanda o propio sector.

-E en lingua cal é o balance?

-No caso da lingua estamos orgullosos de moitos avances, aínda que non nos conformamos con iso, porque hai que facer aínda moito máis. É un ámbito no que xa sabemos que é necesario estar aí sempre presente. O máis importante é que conseguimos facer unha ordenanza de uso da lingua galega que foi aprobada por unanimidade no pleno e que ademais incorporamos criterios lingüísticos en liñas de axuda. E tamén incrementamos os orzamentos das axudas a todo o persoal técnico de normalización dos concellos, onde axudamos a máis de 50 concellos. 

Un dos momentos máis emocionantes que vivimos na Deputación estes dous anos foi cando fixemos un acto de homenaxe a José López Bouza e Ánxel Casal

-É a primeira vez que hai un regulamento do uso da lingua nesta administración. Que suporá isto? Non se supoñía xa que a Deputación ten que funcionar en galego?


-É moi importante que estea regulado desde unha perspectiva interna para que se garantan todos os dereitos das administradas. Así recoñécese que a lingua de uso é o galego, que a lingua por defecto é o galego, que se usa nos usos internos, nas actas das xuntanzas, nos cargos públicos, nos informes... e que é unha lingua que convén fomentar. E non podes andar lanzando mensaxes externas cando moitas veces internamente tes cuestións que mellorar. E nese sentido, en consenso político e cos servizos internos da casa, por unanimidade apróbase unha ordenanza que desde a nosa perspectiva significa un paso de xigante na normalización porque é unha folla de ruta por onde queres que vaia. Evidentemente é unha ordenanza, un ordenamento legal, e iso non o é todo, mais pensamos que é un paso moi importante para que todo o mundo saiba cal é a defensa e a vontade política deste goberno. 

-Cando entrará en vigor?


-Temos que agardar a que se resolva un recurso presentado pola Mesa pola Liberdade Lingüística que pensamos que non vai prosperar. Eles fan unha acusacion moi xeral de que estamos impoñendo o galego. Este é un ataque maís dentro desa ofensiva máis recalcitrante e antigalega. Cremos que non vai haber problema, vai ir a un pleno próximo en setembro, debaterase e probablemente non se acepte, terá que haber todos os informes pertinentes e entendemos que a ordenanza quedará aprobada definitivamente. 

Nós por suposto seguimos defendendo que as deputacións terían que desaparecer e que temos que ir cara a outro modelo

-Ademais, a Deputación botou a andar unha liña da memoria histórica. Que iniciativas desenvolveu?


-Iso foi probabelmente un dos momentos máis emocionantes que vivimos na Deputación estes dous anos, cando fixemos un acto de homenaxe a José López Bouza e Ánxel Casal, presidente e vicepresidente da Deputación asasinados no 36, e estiveron os seus retratos a presidiren unha sesión solemne de homenaxe. Este realmente era o punto de saída dun proxecto máis ambicioso que se chama Xeración Perdida que está dirixido por Emilio Grandío, unha base de datos cos concelleiros que sofreron diversos tipos de represión. Queremos completala, xa nos está a chamar moita xente achegando imaxes, máis información e propostas. E ademais xa sabemos que hai outras deputacións interesadas e a ver se conseguimos que finalmente sexa algo que abranga a todo o país. Sería moi importante. Nesta mesma liña estamos conseguindo recuperar nomes importantes da nosa historia, para que a próxima residencia universitaria, que será unha realidade en breve, na Coruña, vai levar o nome de Elvira Bao, como vontade clara de recuperar a memoria e de facer xustiza. Era unha mestra que viviu xustamente nesa zona, foi presidenta da Asociación Republicana da Coruña, e imos seguir nesta liña de poder visibilizar tanto os nomes ocultos sobre os que caeu unha lousa. 

-Cales son as principais accións de goberno que podemos agardar nos próximos dous anos?


-Hai plans e liñas de subvencións específicas que estaban cocéndose e que aínda non saíron, e algún plan especial, e todo o tema relacionado cos bombeiros, que vai ser un tema central. E as transferencias. E, ademais, temos un compromiso de elaborar un plan estratéxico de subvencións. E intentar facer accións simbólicas, como este ano que abrimos portas e xanelas para que houbese un acto por primeira vez LGBTI, a Deputación iluminouse de cores e houbo actuacións musicais dentro. Temos todo o que se vai ser a xestión provisional do Teatro Colón, mentres a Deputación non se faga cargo del, e aínda temos por diante un reto moi importante, continuar afondando en que se coñeza a obra patrimonial que ten a Deputación e que mesmo poida estar nos lugares onde corresponden, e todas as persoas poidan vela, como fixemos co cadro ‘O discurso’ de Díaz Pardo, que decidimos cedelo ao Museo de Belas Artes. Hai aínda moito por facer, pero claro, queremos que algunhas cousas sexan sorpresa. 


-Como concilias o feito de que o BNG propoña a eliminación das deputacións e á vez tentar facer unha política seria dentro delas. 


-Non hai tal contradición, nós por suposto seguimos defendendo que as deputacións terían que desaparecer e que temos que ir cara a outro modelo, mais o certo é que mentres existan o mínimo que podemos facer é traballar para que sirvan aos intereses dos concellos pequenos e medianos, das entidades e do tecido social. E, nese sentido, apostar en traballar desde dentro pola obxectividade, por rematar con esa idea de que son entidades que se moven por clientelismos, senón que se fagan as cousas de maneira clara, con criterios obxectivos, limpos e igualitarios. E esa é a liña na que estamos a traballar. Nós avogamos por outro modelo, mais mentres tanto, que podemos facer? Ese criterio de que canto máis mal mellor non… nós cremos que canto máis mal, peor. Nós traballamos para que as cousas melloren, ese é o noso deber, a nosa obriga e a nosa responsabilidade. 

Comentarios