Opinión

A intersección do privilexio

Cando nos feminismos falamos de interseccionalidade, facémolo centrándonos nos diferentes eixos de discriminación que afectan a unha persoa e determinan o seu acceso a dereitos nun momento e lugar dado. A interseccionalidade dinos que as estruturas de opresión non funcionan de xeito illado, senón interconectado.

Pouco chama a atención, xa que logo, que unha parte dos feminismos españois estea dando un espectáculo lamentable (máis) ante o debate da Lei de Identidade de Xénero que busca darlle a cada quen a capacidade de decidir por si en cousas nas que nos vai a vida, sen inxerencia médica e sen atrancos que o único que conseguen é producir violencia. Son estas voces as mesmas que tiveron graves problemas coa autodeterminación dos pobos, e antes diso coa autodeterminación dos corpos das nosas compañeiras racializadas (lembremos o asunto do “pano”).

Sen dubidar a necesidade de mellorar moitas cousas e de crear climas xustos de debate, parece que nos feminismos galegos reclamar a autonomía dos pobos, a soberanía alimentaria, as alianzas coas compañeiras do sur, coas migrantes, coas prostituídas leva implícito tamén o rexeitamento frontal á transfobia e o entendemento de que a definición do suxeito dos feminismos ten que irse ampliando. Porque non, nin as mulleres trans nin o recoñecemento de identidades non binarias borra a muller ningunha. Aquí quen borra é o patriarcado, o racismo, a transfobia e as súas alianzas.

Ampliar significa que podemos seguir debatendo cuestións que afectan a mulleres cis maioritariamente (como a violencia obstétrica) sen ter que negar a violencia cara a outros corpos. Significa que podemos seguir esixindo que as mulleres sexan visibles na linguaxe e en todos os espazos onde a categoría é necesaria (categoría de mulleres cis e trans), como por exemplo na violencia de xénero, ou na desigualdade salarial, sen negar outras identidades. Podemos seguir debatendo todo iso, mais reconsiderando que dentro das nosas discriminacións tamén existen privilexios. E que só escoitando, apoiando e deixando liderar a quen está no lado máis vulnerable teñen sentido o resto de reivindicacións, partindo dun discurso que recoñeza a autonomía de cada persoa en plenitude.

Pois, finalmente, a interseccionalidade quere dicir que temos que ser quen de entender a que discriminación contribúe o noso privilexio. E que non podemos desfacer un sen atacalos todos.

Comentarios