De 24 a 27 de outubro

Intersección cita o audiovisual de vangarda na Coruña

O festival de Arte Audiovisual Contemporánea Intersección reúne obras que se atopan no punto de cruce entre arte contemporánea e cinema de vangarda, con códigos estéticos e linguaxes innovadoras. Terá lugar de 24 a 27 de outubro na sede da Fundación Luis Seoane, coa colaboración da Deputación da Coruña.

[Foto: Iria Vázquez] Fotograma de 'Ensaio', unha das pezas proxectadas no festival Intersección
photo_camera [Foto: Iria Vázquez] Fotograma de 'Ensaio', unha das pezas proxectadas no festival Intersección

O cineasta e antropólogo J.P. Sniadecki, especialmente interesado no mundo asiático e nas problemáticas identitarias relacionadas coas migracións, centrará a programación do festival Intersección coa presentación das obras de non-ficción El mar la mar (2017), Foreign Parts (2010) e Yumen (2013), premiadas en festivais como o Doclisboa ou o BAFICI. A artista portuguesa Salomé Lamas, unha das máximas expoñentes actuais da arte audiovisual lusa e creadora de pezas habitualmente comprometidas, estreará Extraction: The Raft of the Medusa (2019), a súa última obra. Tamén se proxectarán en Intersección A Comunidade  (2012), Le Boudin (2014), Self Portrait (2016 - 2018), Coupe de Grâce (2017) e Hangar, metro, terminal (2018).

Completa os focos do festival Dora García, creadora multidisciplinar que exhibirá Segunda vez, a súa última longametraxe, ademais dunha escolma de curtametraxes conformada por Heartbeat (1999), The breathing lesson (2001) e The Glass Wall (2002). Haberá ademais unha retrospectiva da Facultade de Belas Artes de Pontevedra,  comisariada por Sol Alonso e Xoán Anleo, escolma do que conforma unha mínima parte do arquivo recollido pola institución nos 26 anos de docencia na materia de videoarte.

Panorama galego

A programación do festival dedica a sección Galicia aos creadores galego. “Se o ano pasado a sección galega de INTERSECCIÓN xa daba conta das derivacións da linguaxe, nesta ocasión multiplícanse os esforzos e son un total de doce artistas os que expoñen a versatilidade do medio”, afirma a investigadora Sara Donoso no texto introdutorio. Nove delas son estreas absolutas.

Carla Andrade presenta dous super-8 que reflexionan, na súa liña de traballo, sobre a propia representación: Transfiguración, centrada na paisaxe coa posta de sol, e Cando os ollos non bastan, que dialoga con textos da poeta Nieves Neira Roca. Figuras decorativas propón un acercamento ao corpo de Verónica Vicente que o transforma nun obxecto puramente decorativo. En Jeada, Teresa Búa achégase á lingua galega a través do fenómeno fonético da gheada, coma se dun retrato da súa zona xeográfica se tratase.

Alberte Pagán establece en 6x9 unha reflexión sobre o carácter inmortalizador da fotografía, a través de 75 retratos anónimos dos que a penas se conserva o nome do estudo fotográfico. Ensaio, de Iria Vázquez, trae o proxecto Telos a pantalla, unha iniciativa que entrelaza distintos campos e disciplinas (fotografía, vídeo, danza, performance). Correspondencia. O privire pentru alți ochi ofrece, a modo de cartas, pezas que establecen unha comunicación epistolar entre Galiza e Romanía, que veñen asinadas por Lara e Noa Castro. Twins, de Cillas Rodríguez, emprega unha instalación con dúas proxeccións de vídeo de igual duración, pero un reproducido máis lento que o outro, para reflexionar sobre o a relatividade do espazo tempo.

Completan a escolma Llamada a la escuela, de Carme Nogueira; Subtextos e un patrón de mantenimiento, de Félix Fernández; O bailaor de soutuits, de Edu Fernández; Justicia, de Iago Eireos; e BAJADA, de Vázquez/Arrieta.

Intersección LAB

Ademais das proxeccións, o festival ofrece a través da súa programación paralela un espazo para a dinámica colectiva que permita revisar a concepción de obras en creación. Trátase do Intersección LAB, que escolleu tres proxectos cos que fomentará o diálogo para enriquecer aos seus autores, a través de dúas titorías e unha presentación a un panel de expertos.

Carla Andrade traballa con Ningún río me protexe de min, procurando “seguir o rastro dun material filmado dentro da selva da Conca do Congo”. Nuria Mosquera presenta As anguías non levan roupa, proxecto documental no que a memoria oral serve de base sobre a que articular un relato no que se entrelazan o real e o fantástico, a Historia compartida e a vivencia persoal. David Fidalgo exporá Reality, unha peza de animación stop-motion sobre a telerealidade. Enrique Lista, Chus Villar, Jaime Pena e Olaia Sendón ofrecerán diferentes perspectivas as obras en desenvolvemento.

Comentarios