Setembro tamén é un mes de vacacións. A reivindicación podería ser de moitas e moitos galegos que elixen esta etapa de lixeira baixada de prezos ou que levan anos conformándose co que lles toca de verán. Neste contexto de nova fornada de clientela a piques de saír da casa, son os estabelecementos de turismo rural os que chaman. Malia que as hospedaxes orixinais perdidas do mundo e os pisos de alugueiro vacacional tiveron ocupación nos últimos meses, non houbo un reparto lineal, pois desde a Asociación Galega de Turismo Rural (Agatur) din que o turismo ficou fundamentalmente en vilas máis pequenas pero da costa.
O presidente desta entidade que agrupa máis dun cento de casas rurais no sentido máis tradicional fai un chamamento á xente que comenza a etapa de feiras para que aposte nestes negocios buscando tranquilidade e menor risco de contaxios.
Ao contrario do que sucedeu en vivendas de alugueiro de particulares, o presidente de Agatur, Juan Luis López, afirma que houbo e "hai moitas menos reservas que o ano pasado e tramítanse cancelacións".
"O mes de xuño prometía un bo verán para o turismo rural por estar na natureza, ter actividades máis solitarias como o sendeirismo e outras ao aire libre", recorda López. Porén, o medo afastou moita xente a pesar de que "os estabelecementos son seguros e cumpren coas normativas".
Con independencia dese cumprimento e de que as cifras sexan malas, non houbo tanta xente no interior como na costa. E tamén existe outro factor a ter en conta, asume López. As casas rurais que se alugan completas teñen unha maior demanda que as que se ofertan por cuartos. "Prefírense casas completas xuntándose con amigos e familia" porque é real o interese de non relacionarse de máis con persoas descoñecidas.
"Nós animamos a xente a pasar uns días nuns sitios tan seguros como estes", incide o presidente, que recoñece que a situación supuxo redobrar esforzos na limpeza e desinfección de todos os espazos.
Estas pequenas empresas tamén eliminaron os bufetes para almorzar. "É moi apetecíbel pero non cumpre, porque pode contaminarse", avisa López.