Opinión

A intelixencia ao poder

Houbo un tempo no que situar a imaxinación no poder era transgresor e revolucionario. Debaixo das rúas estaba a praia, pensar non era un privilexio e os sons de futuro semellaban inxenuamente esperanzadores. Non creo que os tempos pasados sexan mellores. Só recursos metafóricos para analizar o presente. Nese sentido as voces que apuntan á crise da intelixencia como a orixe da situación de derrubo da nosa sociedade son como bálsamos sanadores neste ermo no que habitamos. Así entendín as afirmacións do filósofo Lledó nunha recente entrevista. 

Houbo un tempo no que situar a imaxinación no poder era transgresor e revolucionario. Debaixo das rúas estaba a praia, pensar non era un privilexio e os sons de futuro semellaban inxenuamente esperanzadores. Non creo que os tempos pasados sexan mellores. Só recursos metafóricos para analizar o presente. Nese sentido as voces que apuntan á crise da intelixencia como a orixe da situación de derrubo da nosa sociedade son como bálsamos sanadores neste ermo no que habitamos. Así entendín as afirmacións do filósofo Lledó nunha recente entrevista. 

"Baixo o epígrafe de crise económica agóchase a crise da intelixencia. Agóchase unha total e absoluta banalización da política, das institucións, da comunicación humana e, incluso, da vida". 

Baixo o epígrafe de crise económica agóchase a crise da intelixencia. Agóchase unha total e absoluta banalización da política, das institucións, da comunicación humana e, incluso, da vida. Se comezamos pola primeira só temos que ver unha sesión parlamentaria para comprobar como a anécdota é o fundamental e o fundamental nin tan sequera chega a ser unha anécdota. Só un exemplo revelador ao respecto, no mesmo día que se debatía no Parlamento galego a modificación da RISGA, unha prestación social que afecta a máis de 9000 persoas, ningunha das aportacións ao texto tivo a menor incidencia. A ninguén lle interesou as modificacións para que sexan beneficiarios os e as menores de vintecinco anos ou que as persoas teñan dereito a ser perceptoras desde o momento da súa solicitude. Mentres tanto allatolas e pirolas eran obxecto de teletipos e demais comentarios. A política que non entra nun titular espectacular non existe. 

Mutatis mutandi as institucións corren a mesma sorte. Que sentido ten un Parlamento do que a cidadanía só percibe ruído? Ningún. Velaí a tese central da dereita para o débil sistema de liberdade e dereitos dos últimos trinta anos. A esquerda mentres tanto ou ir ou tenta amoldarse exactamente ao tamaño dese titular. Que erro! Nese tamaño só ten cabida un pensamento debilitado, deconstruído para non significar nada, sen posibilidade de mudar nada. Só ten cabida a esencia do neoliberalismo elevado ao altar do éxito, ou sexa, “sálvese quen poida”. 

"A ninguén lle interesou as modificacións para que sexan beneficiarios da RISGA os e as menores de vintecinco. Mentres tanto allatolas e pirolas eran obxecto de teletipos e demais comentarios".

Neste deseño Galiza perde. A estratexia da dereita baseada en minguar o autogoberno funciona nesta lóxica do desprestixio e a frivolidade. Non hai propostas para reducir o Congreso, non escoito chamalo Congresiño e o Senado goza de boa saúde cheo de elefantes carentes de espazos de xubilación nas grandes eléctricas. O Parlamento galego pivota entre ser un plató televisivo para a promoción de Feijóo ou reducirse ao absurdo ríndose de si mesmo. Calquera das alternativas é tráxica para nós.

Dubido de como será a comunicación do futuro. Agardo e desexo que teña o valor radical do compromiso como eixo. Se desde a esquerda queremos xogar no terreo de Belén Estebán ou dos programas de máxima audiencia penso que erramos. A idea era mudar as regras para albiscar algún terreo de xogo distinto no futuro. Se a intelixencia hoxe é revolucionaria poñamos toda a nosa imaxinación nas xeracións futuras porque a vida non é banal e a inxustiza non cabe nos titulares do sistema establecido.

Comentarios