Opinión

Intelectuais españois

Nun tempo Javier Pérez Royo e Fernando Savater publicaban opinión no mesmo xornal. Arestora as opinións de Pérez Royo non caben nese xornal mentres as de Savater reinan, resúmese así a evolución non só dun xornal e un grupo de comunicación, tamén a ideoloxía dominante e a posición do conxunto dos medios de comunicación da corte madrileña e os seus intelectuais.

Tratei a Pérez Royo nun par de ocasións distintas que me permiten saber que é persoa que, alén dos coñecementos xurídicos, defende unha convivencia baseada no respecto mutuo e no diálogo, democrática, sobre calquera outra ideoloxía.

Lembro aquel Savater que participaba en mitins de Herri Batasuna cando ETA mataba cada semana, asistín logo á súa viaxe ao extremo contrario, onde agora está, acusador de calquera que non comungue co españolismo integrista. Primeiro ao servizo da estratexia do estado centralista contra o que fose vasco e agora contra o que recenda a catalán, antes con UpyD e agora con C's, PP e todo o españolismo cortesán. Que considerase que eu padecía de "antiaznarismo compulsivo" resulta ben comprensíbel.

Nun artigo recente Pérez Royo referíase ao "desconcerto" de Savater por situar nun mesmo plano para o funcionamento democrático o xuramento e o sufraxio. Pérez Royo afirma sentirse sorprendido como un recurso estilístico nunha polémica, imposíbel que ninguén ignore dende hai anos que Savater simplemente carece de espírito e ideoloxía democrática. No nome da tolerancia leva practicando a descualificación intolerante de quen discrepe da súa ideoloxía e dos seus intereses. Porque ao final, ninguén se engane, todos e todas defendemos intereses e quen vive de facer unha carreira profesional, universitaria, artística, mediática ou o que sexa na corte madrileña ten que afacerse e adaptarse e quen mellor defenda os seus intereses mellor poleiro e máis beneficio obtén.

Savater dende a reivindicación perpetua do seu egotismo e o seu capricho leva anos repartindo con brillantez argumentativa e contundencia polémica pensamento reaccionario. Como ben escribiu o seu querido Cioran, os escritores, en tanto que literarios, somos reaccionarios e soidosos e os intelectuais en xeral propenden tamén. Esteticamente todo é lindo, eticamente xa non. Mais así son as flores e o campo todo da intelectualidade madrileño española. As excepcións que haxa, Javier Pérez Royo, agradécense.

Comentarios