Opinión

Insurxencia vírica

En tempos de pan serodio, tal como está a correr nesta vertixe dos días, a invisibilidade pandémica percorre en vertical e horizontal, con audacia silente, e rotundamente mortal para uns e catastrófica para seus superviventes. Case todos en lealdade bélica sen polvorín e sen esa cartografía de combate no que podamos medir o tempo e o espazo e, mesmo, onde se acubilla o inimigo. Cada quen a seu xeito e ritmo, sen detectar ou predicir por onde os virus van atacar en súa difusora estratexia sen constatar previos avisos, como a que se adiviñaba na Peste Negra do século XIV. A actual peste -como así a definen en moitos lugares do rural galego- vén ataviada de certo pudor e austeridade, disimulando a súa catarse e acaparando a destrutiva globalidade, en que ese animal político, coñecido como ser humano, aflixido en tantos desvaríos e sufrimentos, e sen contemplarnos ante as hostilidades que anuncia ese esqueleto con gadaña mortífera e sen moratoria. No dilema destes perigos, a nosa fraxilidade fainos manter fortes ante as carencias polas que transitamos por este reino das confusións paternalistas.

Pese a todo, moitos exhiben seu simulacro de indiferencia ante o virus, disimulando de que eles non son parte condescendente dese patóxeno nas lideranzas económicas que subordinan a política a seus despóticos intereses, lexitimando as súas artimañas fraudulentas e acaparadoras. Demasiados vestixios para non desmentir a realidade tan verídica e existente de que o imperialismo económico imponse sobre o político. Talvez nestes momentos, repregados dentro desta cova e reducidos por decreto, en sufocante escuridade e sen un diminuto tragaluz polo que se filtre un mínimo desa esencial claridade que existe, para dar un respiro a esta sombría experiencia. Neste estado, temos que defender ese mínimo de luz para zorregarlle a ese infranqueábel pantasma que xa non só percorre Europa (que xa non é o pantasma do comunismo), mais é o que fai tremer ao mundo: o pantasma do capitalismo. É ese polbo de longos e fortes tentáculos e ventosas que nos vén asfixiando aos poucos, con temerarias manipulacións e represións. Ese é o virus do sistema económico global: o imperialismo como fase superior do capitalismo, que vén a ser un enorme aliado no virus covid- 19, que chegou para poñer en cuestión a liberdade, que a serven en aceleradas rebaixas para demolela. O virus chegou para modificar e alterar conductas liberadoras e o noso propio “modus vivendi”, devastando programas e procesos de igualdade en liberdade que a clase dominante vai aproveitar sistematicamente.

É verdade que estamos ante unha emerxencia vírica moi grave sobre a que comezamos a tomar conciencia da mesma e no que respecta á nosa saúde. Mais hai outras emerxencias que poden resultar letais para o sistema democrático. Estamos detectando ditaduras silenciosas que estaban protexidas baixo o palio dos poderes patrióticos-redentores do capitalismo, con adaptábel presenza as circunstancias asimétricas e heteroxéneas que emerxeron para desestabilizar os sistemas democráticos. Despregando mensaxes “democráticos”, en aparencia. Os virus, dun lado e do outro, sempre foron uns excelentes estrategos en combinar táctica e pericia en seus proxectos destrutivos.

Levamos algúns anos observando os postulados corrosivos que Jaroslaw Kaczinski que vén impoñendo en Polonia, con nesgadas e consabidas liberdades dunha maneira nada inocente e improvisada, que foron acompañadas por unha intermitente propaganda tan capciosa como sutil. Isto repetiuse, cautelosamente, na Hungría de Viktor Orbán. Deste político temos un lamentábel mostrario de ditames homófobos que encarnan esa persecución contra os refuxiados da guerra de Siria, etc. Faltáronlle os fornos crematorios, mais co tempo todo se pode andar. Palabras e xestos provocativos están en alza para destruír a liberdade cos vetustos métodos fascistas, á vella usanza da besta ditatorial, que agora se pon o ensaio en estes países de corta vida democrática, onde o virus da parálise intenta paralizar a evolución das liberdades.

Estas orxías víricas que exhibe o capitalismo-imperialista, instalado en estamentos estatais, combinan una serie de factores antidemocráticos, sustentados xa non por ditadores ao estilo clásico fascista, aínda que beban desas esencias. Os actuais desgobernantes dos EUA e do Brasil encarnan ese fermento en dous países de inmensa extensión xeográfica e de poboación. Eses teñen nome e apelido: Donald Trump e Jair Bolsonaro, con aspiración a converterse en sátrapas, modelo Nabucodonosor. Un iletrado inconsciente como Trump, cuxo móbil foi conseguir o poder para defender e engrosar o seu persoalísimo imperio empresarial e económico. Bolsonaro é o típico estúpido que polo seu carácter militar, tenta salvar ao país, que ninguén sabe de que catástrofe. En seu tiránico e excepcional mesianismo, incendiou as inmensas forestas da Amazonía e doutras partes do país, entregando terra fértil e queimada aos ricos facendeiros, eses espoliadores que amasan fortunas asasinando e escorregando aos nativos e converténdoos en persoas espoliadas dos sen terra.

Trump e Bolsonaro encarnan esa outra pandemia, deixando a seu libre albedrío a millóns de persoas, indicando que o virus carece de agresividade. Así o proclama Trump, ao estilo desafiante dun caw boy abastecido de despótico patriotismo imperialista. Isto é o que reitera Trump. E Bolsonaro anda a peito descuberto entre as masas manifestando que a covid- 19 non é mortífero, recomendando a medicina do rezo e da súplica nas igrexas. Inaudito discurso devastador de vidas e promotor de escurantismo e alienación. Vemos como os virus comparten destrución. Despois desta catástrofe hai que pór en alerta a seguranza das democracias, fronte ao nacional-populismo que promociona as súas enganosas ofertas ofensivas para liquidar as liberdades. Non sabemos como será o futuro, mais xa o intuímos coñecendo este presente.

Comentarios