Opinión

Á insurxencia respostaron con temor

Greta Thunberg. A nosa Greta. Icona e líder da loita do século XXI fronte ao fin do noso mundo. Dezaseis anos e asperger. A nena verde con TDAH. 

Gretiña, soa nun cumio de lobbies e persoas traxeadas. Amosando o seu descontento, a tristura, a rabia que non pode agochar cando escoita a aquelas persoas tan alleas á realidade falar de novas políticas medioambientais, de intencións, de xestos ‘altruístas’ e máis ben aldraxantes coas xeracións que veñen. Gretiña case chorando, sentindo o ollar do MR. Trump nas costas. 

Hai unha frase que miña nai adoitaba dicir, e é que a terra non é a herdanza das nosas nais senón un préstamo das nosas fillas. Sabia e certeira, o cal quere dicir, xusto o contrario do que se fai. Certo é que as nais sempre falan desde o futuro dos nosos soños; elas veñen do mundo das ideas. 

Se o pensamos ben, esa fotografía mental de Greta Thunberg e Donald Trump representa a división non só de dúas xeracións, senón de dúas interpretacións da vida. Dous universos infinitos e contrapostos. Una imaxe fermosa, “Dello stupido mondo antico e del feroce mondo futuro”. Porén, sento medo cando volto ao punto no cal diverxen o mundo antigo e o mundo que virá cando deixemos que aquelas que o teñan que construír, pedra a pedra, o fagan. 

E se o mondo antigo non acepta a súa morte?  

E se o mondo futuro é tan só a neta desta vida que non muta?

Ese medo é certeiro, instálase no meu corpo, rolda pola miña testa e arrefía os ósos. Ese medo doe. Doe porque levamos moito tempo, máis do que nos estaba permitido, alongando un proceso inevitábel como a vellez, pero fuxe cando emerxe a imaxe de Greta, da nosa Gretiña. A imaxe dun futuro esperanzador. A imaxe dunha xeración que xa non cre na palabra do poder. Nenas inconformistas, nenas valentes que nacen nunha terra que lles foi arrebatada, porque como xa dixen, a terra non era nosa. Os verdes e os azuis, a pureza do osíxeno, a beleza das montañas e o caudal dos ríos, todo aquilo era un préstamo. 

Confiaron en nós, déronnos un paraíso e o paraíso ficou nun anaco de terra seca e queimada

E cal é a diferencia entre elas e nós? 

Nós vivimos no mundo e vivimos o mundo coma se fose noso. Como se houbese un posesivo nesta relación na cal nós estamos situados na parte que máis pesa da balanza. O mundo pertence ao ser humano, é así, ‘nomás’. O que resta está posto de paisaxe, o escenario para que a nosa trama poda desenvolverse con xeito.

A nosa casa está ardendo e fomos nós as que plantamos lume. 

E son elas as que veñen coa súa inocencia e as súas gañas a cambialo todo. Veñen cos seus ollos cheos de vida para vencer ás lapas. 

A nosa resposta? temor. Temor por non seren capaces de velo. A envexa máis pura por  non ser nós as que crearon esta loita. Vergoña por deixar que a desidia se apoderase de nós. Agora queremos quitarlle peso ás súas voces. Dicir que somos nós as que traballamos arreo, as que comezamos nesta viaxe de volta ao ventre. 

Máis cómpre facer autocrítica. Nós xa estamos tarde e culparémosvos, seica, de incendiar onde xa non queda nada. 

Non nos deixes, Gretiña. Esta loita é vosa. E nós, non deixemos que a nosa falla de control e de conciencia contamine máis do que xa o fixeron as nosas centrais, os nosos plásticos e o noso ultraconsumo sen límites. 

Nós estaremos alí, no fondo da fotografía, ollando ás mulleres do mañá berrar coma un neno que respira por primeira vez. Ese berro desesperado que precede á existencia. 

Chegou o momento de porse a un lado e dar paso ás que virán, de escoitar atentamente a sabedoría daquelas que aínda non coñecen a maldade; son as únicas que poden atacala.

Comentarios