A iniciativa popular Xabarín xa suma 15.000 apoios

A Mesa anima as persoas interesadas a asinaren os pregos oficiais en estabelecementos de toda Galiza antes do 2 de abril.

xabarinclub

No ecuador da campaña da Iniciativa Xabarín, que se prolongará até o 2 de abril, A Mesa pola Normalización Lingüística anuncia que xa se levan reunido 15.000 sinaturas, seis veces máis do mínimo de 2.500 requirido pola lei de iniciativa popular para que esta proposición poida continuar os tramites parlamentares.

A entidade lanza hoxe nas redes sociais a mensaxe ‘Xa somos 15 mil, mais aínda faltas ti’ e lembra ás persoas interesadas en amosar o seu apoio que poden asinar os pregos oficiais en ducias de estabelecementos de toda Galiza.

A Mesa amosa a súa satifacción pola grande resposta que está a acadar a proposta. “Mesmo en plena pandemia, coa imposibilidade de realizar actos de difusión da iniciativa e de reivindicación da necesidade do galego na televisión, a sociedade esta a responder”, asegura o presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira. “

A Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular ao Parlamento de Galiza insta o Goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos.

A proposta insta tamén o Goberno de Feixoo a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e a TVE a emitir con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. O goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Comentarios