Iniciativa pola Unión chama á "unidade" a prol dun "grupo parlamentar soberano"

Por volta dun cento de persoas asistiron ao Acto das Arengas no que se presentou publicamente. 

Acto das Arengas
photo_camera Acto das Arengas

Após a conformación da súa Coordenadora a Iniciativa pola Unión desenvolveu esta terza feira a súa apresentación pública nos xardíns dun restaurante compostelán. 

No acto, que levou por nome Acto das Arengas, diversas persoas da Iniciativa tomaron a palabra para debullar os obxectivos do colectivo e lanzar unha proposta ás persoas asistentes, mais tamén a outros colectivos e axentes, para confluíren nunha candidatura nacional galega que resulte na constitución dun grupo parlamentar galego nas Cortes españolas. 

Un obxectivo, din, o da "unidade popular" que outorgue voz a Galiza nas Cortes españolas "sen dependencias de ningunha forza allea" e sitúe o país como "axente" do cambio. 

A xornalista Sara Torreiro foi a encargada de dar abertura á quenda de intervencións nas que o ex-sindicalista Suso Díaz puxo de relevo a importancia da "unidade popular" ao longo dos tempos. Unha unidade sen a que non tería sido posíbel mudar a historia, asegurou. Díaz lanzou un chamamento a "todas as forzas" para se sumaren de cara ás eleccións estatais e a traballar, conxuntamente e desde un grupo parlamentar galego, para combater "as políticas neoliberais" que sitúan Galiza nun momento de "emerxencia nacional". 

No acto tomou a palabra Einés Monteagudo, integrante da Coordenadora do Encontro Cidadán por unha Marea galega

Nese contexto, a xornalista Olalla Rodil subliñou a oportunidade que supón a conformación dunha candidatura nacional e enfatizou a "diversidade de voces" que artellan Iniciativa pola Unión. Un abano diverso e "plural" a prol dun grupo cuxo obxectivo é defender "os intereses deste país e das súas clases populares". 

Após a presentación pública, a Coordenadora da Iniciativa pola Unión avanzou que continuará coa rolda de contactos iniciada ao longo da pasada semana. Encontros que @s levarán a aproximarse a outras inciativas e movementos a prol da conformación dunha candidatura nacional galega.

"É máis o que nos une que o que nos separa", subliñaron desde Iniciativa pola Unión

Neste senso, a intervención de Einés Monteagudo, integrante da Coordenadora do Encontro Cidadán por unha Marea galega, evidenciou puntos de encontro entre ambas as dúas iniciativas. Na súa intervención a propia Monteagudo asegurou que "temos a obriga de entendernos, se facemos xuntos este camiño chegaremos máis lonxe". 

A activista Elvira Souto e o guionista Carlos Ares concluíron a quenda de intervencións lanzando un chamamento a asinar o Manifesto de Conxo, aprobado no Banquete 2.0. para sumar máis voces a este "obxectivo común" desde "matices e acentos diferentes" pois, enfatizaron, "é máis o que nos une que o que nos separa". 

Comentarios