A imposibilidade de celebrar o día 17 de maio nas rúas está a mover as redes sociais con múltiples iniciativas. Este domingo a comunidade Orgullo Galego impulsou unha proposta que busca converter en tendencia mundial o cancelo #EuFaloGalego.
Esta iniciativa conta co respaldo de diversas páxinas e perfís en galego e ademais a plataforma Queremos Galego fará parte da mesma xunto con outros cancelos como #QueremosGalego ou #PrecisamosDoGalego. “Animamos a todo o tecido social do país a participar desta iniciativa”, indican desde Orgullo galego.
“Buscamos visibilizar a nosa lingua nas redes sociais e especialmente entre a xente moza, mais tamén apostamos por un 17 de maio de loita e reivindicación”, aseguran, “xa que a situación que vive o galego non é precisamente motivo de festexo”.
Afirman nun comunicado que queren “combinar celebración e reivindicación, isto é, contamos cunha lingua viva e celebrámolo mais tamén somos conscientes da situación na que se atopa, atacada e discriminada en moitos ámbitos da vida”. Denuncian que o goberno da Xunta “converteu o galego nunha lingua residual no sistema educativo” e por ese motivo “loitamos para que o galego non sexa residual na prensa, televisión, radio, redes sociais e sistema xudicial”.
Por este motivo fan un chamamento a todas as galegas e galegss “a que o domingo 17 de maio ás 12 horas, chíen en Twitter co cancelo #EuFaloGalego até conseguir facelo tendencia mundial”. Da mesma maneira animan a participar das convocatorias da plataforma Queremos Galego.