Inician a licitación das obras de rexeneración da ría do Burgo

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Javier Losada, anunciou que a licitación da rexeneración da ría do Burgo no Boletín Oficial do Estado (BOE) é "inminente".

A Ría do Burgo leva décadas soportando verteduras (Foto: Ministerio de Transición Ecolóxica)
photo_camera A Ría do Burgo leva décadas soportando verteduras (Foto: Ministerio de Transición Ecolóxica)

A publicación da licitación da rexeneración da ría do Burgo no Boletín Oficial do Estado (BOE) é "inminente", anunciou esta quinta feira, 7 de xaneiro, o delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada. O proxecto terá un custo máximo de 48,6 millóns de euros e un prazo de execución tope de 26 meses.

"Este ano si ou si iniciaremos os traballos de rexeneración da ría", expuxo, sinalando que os orzamentos do Estado contemplan 20 millóns para as obras.

"O Goberno cumpre os seus compromisos coa Coruña e a súa comarca", remarcou o delegado. O plan contempla a dragaxe de 583.337,04 metros cúbicos do interior da ría, unha zona "moi degradada por reiteradas verteduras durante décadas", dixo.

"Este ano si ou si iniciaremos os traballos de rexeneración da ría", dixo Losada

Sobre as compensacións ás e aos mariscadores que terán que parar a súa actividade durante as obras, Losada asegurou que "corresponden á Xunta" e que será esta quen teña que "atender as lexítimas peticións que se fagan".

Desde o BNG, tanto o deputado no Congreso, Néstor Rego, como a representante en Europa, Ana Miranda, celebraron o anuncio e sinalaron que a rexeneración do Burgo é un dos puntos chave no acordo de investudira co PSOE.

No Bloque aspiran a que no prazo de dous anos a ría recupere a capacidade produtiva e a calidade ambiental.

Comentarios