Galaxia rescata unha novela inédita escrita aos 17 anos

A iniciación á vida de Rei Ballesteros

Nolo ten 19 anos. Abandona a súa aldea natal á procura de vías para acceder á liberdade. O traballo por conta allea é unha delas e convértese en obreiro asalariado na Compostela do tránsito entre os sesenta e os setenta. A súa primeira paga serviralle para coñecer, por primeira vez, a noite urbana.

Anxo Rei Ballesteros
photo_camera Unha imaxe de Anxo Rei Ballesteros cando mozo. Foto: Editorial Galaxia.

Dezanove badaladas

O retrato desta experiencia escribiuno Anxo Rei Ballesteros (Boqueixón, 1952 – A Coruña, 2008) na súa primeira novela, só agora publicada e escrita aos 17 anos: Dezanove badaladas. “Relata, por coller a distinción de Kierkegaard, o paso do estadio estético en que prima a liberdade subxectiva”, explica a Sermos Galiza Carlos Lema, da editorial Galaxia, “ao estadio ético, o ingreso do subxectivo na polis”.

A cidade, aínda que fose unha cidade en formación como a Compostela de aproximadamente 1969, significaba a posibilidade dunha vida libre. “Viaxe ao cabo da noite, paseo polo pracer e a morte, novela de aprendizaxe e metáfora da existencia”, di a nota da editora, “velaquí o preludio esencial á obra dun autor maior”.

Ambientada nunha noite -un dos temas que virou central na obra de Rei Ballesteros-, pesimista “como o Werther de Goethe”, por Dezanove badaladas transitan as masas urbanas que se botan á fin de semana -“unha estadea urbana que se ensume no corpo verdegante da noite en procura dunha salvación inalcanzábel”, engade o comunicado de Galaxia- e “un desacougo íntimo que o inza todo”.

No libro, novela de formación e aprendizaxe, xa respiran algúns materiais do que logo será o impoñente edificio narrativo de Rei Ballesteros. Ademais da noite e a liberdade, a preocupación pola oralidade resulta crucial. “Ao cabo”, expón Carlos Lema, “é o que fai a literatura moderna, facilitar a entrada do oral na escritura”. O editor salienta, a maiores, as pasaxes descritivas dunha Compostela escura e fantasmal, “moi traballadas, moi logradas”.

Dezanove badaladas bota un pouco de luz sobre as orixes dos intereses intelectuais e estilísticos do autor”, di. A peza, que na versión editada conta 188 páxinas, conservábaa a viúva do escritor, María Xesús Armada. Manuscrita a bolígrafo nun caderno e con apenas variantes nun parágrafo e tres ou catro notas -todo incluído na edición de Galaxia-, Rei Ballesteros deixouna inédita. Foi Armada quen decidiu a súa publicación. Canda Presenza dunha ausencia (Axóuxere, 2013) -o seu ensaio a partir do pensador francés Maurice Blanchot-, e A noite do moucho (Galaxia, 2009) -a novela en que traballaba cando morreu- compón o seu legado póstumo.  

dipticos xornadas Anxo Rei Ballesteros 2018 181009 0829

Xornadas na Pobra do Caramiñal


A presentación de Dezanove badaladas será un dos actos principais das tres xornadas sobre a obra de Anxo Rei Ballesteros organizadas pola Asociación Cultural Barbantia na Pobra do Caramiñal. Será a cuarta feira, 17 de outubro, ás 20.30 horas, no Auditorio Valle-Inclán. Haberá música de Cris Román.

Os actos continuarán unha semana despois coa conferencia A nebulosa do Anxo: Loaira revisitada, a cargo de Manuel Castelao. Será no mesmo lugar e á mesma hora, e volverá contar con música, desta volta da man do Grupo Barahúnda. O 28 de outubro, domingo, rematará o ciclo á unha do mediodía na Praza do Emigrante, coa inauguración da rúa Anxo Rei Ballesteros. As gaitas de Xiada achegarán a música e un monllo de amigos do escritor realizaranlle “unha homenaxe poética”.

Nas xornadas colaboran o Concello de Pobra do Caramiñal, a Deputación da Coruña e o xornal La Voz de Galicia.

Comentarios