Un informe policial recoñece a desprotección das mulleres agredidas en Colonia

Asegura, segundo recolle a imprensa local, que os axentes "non foron quen de controlar todos os feitos e agresións sinxelamente porque aconteceron demasiadas cousas ao mesmo tempo". 

JungeWelt
photo_camera [Imaxe Junge Welt]

O primeiro en pór en cuestión a actuación policial perante as agresións machistas acontecidas en Colonia durante a última noite do ano foi o ministro do Interior alemán, Thomas de Maizière, após asegurar que a policía actuara con "pasividade" e non se percatou da dimensión do problema até rexistrárense perto dun cento de denuncias. Actualmente a cifra ascende a 121. 

Neste senso, un informe policial interno que foi recollido pola imprensa sinala que os axentes ficaron desbordados e "non foron quen de controlar todos os feitos e agresión sinxelamente porque aconteceron demasiadas cousas ao mesmo tempo". 

"Mulleres, con ou sen compaña, tiveron que atravesar verdadeiros corredores formados polos agresores -unha multitude de homes moi alcolizados- algo imposíbel de explicar", di o informe. Segundo os relatos das vítimas e de testemuñas do acontecido os homes non atenderon a presenza policial que, aliás, se viu sobardada pola situación moi axiña.

As denuncias ascenden a 121 polo momento e Merkel fala de estudar as políticas de expulsión das persoas extranxeiras que delincan 

Até o momento as forzas policiais alemás din ter 16 persoas sospeitosas que foron identificadas através dos vídeos e fotos daquela noite. Embora non ter sido confirmada que os homes fosen refuxiados, o debate xira xa arredor da súa procedencia étnico-relixiosa. Segundo a versión policial trataríase de persoas "de apariencia árabe e norte-africana".

Neste senso, a propia chanceler alemá pegou un xiro no seu discurso público e mesmo propuxo estudar as políticas de expulsión das persoas extranxeiras residentes no país de cometeren un delito. 

Así, amosouse partidaria de mudar o marco lexislativo e de incrementar a presenza policial se for necesario perante o que, dixo, "non son casos illados" polo que avaliarán se se trata dun "patrón común de comportamento" ou dun "desprezo total cara ás mulleres". 

Críricas á alcaldesa

Para alén do máis, a alcaldesa de Colonia, Henriette Rekker, situouse no punto de mira das críticas após as súas declaracións nas que pronunciaba "consellos de comportamento" áss mulleres como "non ir cun e con outro" para evitaren situacións como as acontecidas en Fin de Ano ou mesmo "deixar a distancia dun brazo" con persoas descoñecidas. 

Ao fío das súas declaracións o ministro do Interior Thomas de Maizière lembrou que os responsábeis son os agresores, non as mulleres. 

Comentarios