Un informe advirte que a venda de Ferroatlántica debe ter autorización previa de Augas de Galiza

O documento foi elaborado pola profesor de Dereito Administrativo da UDC Carlos Aymerich a solicitude da CIG. O sindicato insta a Xunta a actuar para evitar o que considera que pode ser unha “operación de especulación”.

ferroatlantica informe udc

A venda de Ferroatlántica – que Villar Mir quer facer por 170 millóns de euros ao fondo TPG- debe de ser autorizada previa e expresamente pola entidade pública empresarial Augas de Galiza. Esta é a conclusión do estudio elaborado por Carlos Aymerich, profesor de Dereito da Universidade da Coruña, a petición da CIG. Non é o primeiro traballo que o xurista realiza a petición do sindicato nacionalista. Recentemente elaborou un sobre Alcoa e en 2017 fixera un informe xurídico sobre a intención daquela do grupo Ferroglobe de vender as centrais a un fondo canadiano.

No estudio presentado esta segunda feira, Aymerich cita artigos do Regulamento do Dominio Público Hidráulico, da Lei de Augas, sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE ou informes do Consello do Estado, para defender que a venda de Ferroatlántica debe de contar coa autorización de Augas de Galiza.

A empresa quer evitar este trámite. Por iso alega que a venda faise mediante “transferencia de accións”, o que considera que implica que só ten que facer unha comunicación da venda á Xunta pois non habería cambio de titular da concesión. Porén, Aymerich discrepa dese argumentario e defende que si hai unha mudanza: mudan os titulares últimos das accións. Así pois, é necesaria a autorización previa.

De feito, aponta, se se vende sen autorización previa Augas debría devlarar a extinción da concesión. Aymerich instou a Xunta a actuar con “dilixencia” e coa finalidade de preservar o “interese público”.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, e Alfonso Mouzo, portavoz do comité, estiveron na presentación do informe. Para Carril, a Xunta debe de “actuar” para evitar o que pode ser unha “operación fraudulenta”. A central nacionalista mostrou desde un principio as súas dúbidas sobre esta operación de venda.

Comentarios