Esta ficción, publicada por Sushi Books -selo pertencente a Rinoceronte Editora-, relata a dependencia respecto dos burros dunha pequena aldea insular de Grecia. “Esta entretida historia conta como Amanda e David conspiran para burlarse do desagradábel alcalde local e axudar ao seu amigo Yani, que está a piques de perder a casa e as terras”, di a nota editorial, “se os burros desaparecen, paralízase toda a aldea”.
A obra é orixinal de 1968 e supón o quinto título de Durrell publicado por Sushi. Ademais de A miña familia e outros animais en tradución de Susana Collazo, apareceron os outros dous títulos da célebre triloxía, Bechos e demais parentes (orixinal de 1969) e O xardín dos deuses (orixinal de 1978), e O paquete falante (1974), as tres da man de Moisés Barcia.
Gerald Durrell, o irmán máis novo do igualmente escritor Lawrence Durrell, foi autor de simpáticos textos autobiográficos, relatos dirixidos ao lectorado miúdo e ensaios sobre o mundo animal. Ademais foi un coñecido divulgador, e creador dun zoolóxico na illa de Jersey, no Canal da Mancha.