Opinión

Infantilización da política?

Pido ás persoas entendidas en psicoloxía e en pedagoxía (entre elas, as que colaboran nestas páxinas) que disimulen esta miña incursión profana e de simples observadora no universo infantil. O mundo das nenas e nenos comeza e acaba neles mesmos. A lóxica que practican é a adaptada á percepción-coñecemento que á súa idade poden ter. Prevalece a inmediatez: non hai pasado, e a memoria é dispersa e feble. Todo semella estar ao alcance da man. A fantasía dispárase en mil direccións. Na súa lóxica, imponse a literalidade, con dificuldade para captar significados abstractos ou figurados. Tamén para comprender vivencias, sensacións ou sentimentos das persoas adultas. Por suposto, tristura ou melancolía cando algunha apóstrofe ou comentario non se comprenden. Ben sei que estas vulgaridades que enuncio están moi lonxe de definir o mundo infantil, moito máis complexo do que este inventario oportunista que acabo de enumerar. Reitero a petición de indulxencia. Permítaseme referir algunhas anécdotas. Cando, nunha viaxe, os maiores falaban de que durmiran mal, por “estrañaren” a cama, a min, nena, resultábame incomprensíbel: que era iso de “estrañar” o leito? Na maravillosa cristaleira de “Tobaris” (o mellor bazar da miña infancia luguesa) vía eu un día e outro un botiquín plástico, nove pesetas. Fun paseniñamente aforrando até chegar a esa cantidade. Tanto me gostaba que, cando o puiden mercar, regaleillo á miña irmá por un aniversario. Figúrense a recepción: ela, xa mociña, estaba lonxe daquel brinquedo que tanto me ilusionaba. Canto me orgullaba eu de asobiar tan ben como o meu padriño. Á volta da escola, asobiando calquer canción a todo pulmón, un neno máis vello ca min e viciño, soltou: “¡Pareces un niño!” Moito me deu para remoer este reproche. Nada entendía e, como nada perguntaba aos maiores, aí ficou. Desde logo, seguín asobiando alegremente. Sendo pequeniña a miña afillada, pedinlle dúas patacas, dun grande prato de fritas que tiña ante si. Colleu co seu coberto cursidosamente dúas e deumas. Eu mateime a lle explicar que “dúas” significaba unhas poucas. Non houbo maneira: dúas eran dúas. Escuso contarlles os problemas que tiven para lle explicar a outra nena da familia o significado da palabra “abusadora” que titulaba a canción que tanto lle gostaba bailar.

Este prólogo “infantil” vén a conto do que me semella observar en moitos fenómenos da política actual: a historia non existe ou existe para torcela; a ironía e o humor non se entenden; imponse o esquematismo-consigna, o último chifro da última moda; hai temas-tabú (como os que, en práctica prudente, se aforran aos nenos); compítese por ver quen promete, fantasiosamente, máis e mellor; millenta elementos da Galiza na súa realidade histórica e actual fican fóra do foco etc. Face a isto, sen eufemismos de nengún tipo, campea a Política Bruta. O director de ENCE pondera a empresa non só como industria limpa (!) senón como contribuínte a mitigar “la España vaciada”. O presidente da Xunta indígnase ante acusacións de “madrileñofobia”. O Concello de Vigo garante 900 bolsas para estudar inglés (pura inmersión) no estranxeiro. Seguimos?

Comentarios