Opinión

Infantilismo

Cando os meus irmáns e mais eu eramos nenos vivíamos as sobremesas coma unha batalla de egos. Todos tres eramos galdrumeiros por mor da dedicación da nai a facer bolos e biscoitos, tortas e filloas. Ela era sabedora de moitas receitas e cando non había torta de Mondoñedo co seu cabelo de anxo e a súa améndoa moída, aparecían saídos do forno uns boliños de coco ou un biscoito con pasas de Corinto. Nós, nenos aínda, rifabamos por ver quen levaba o anaco que semellaba máis grande ou pola filloa co recheo máis abondoso. Así, un día de inverno, apareceu na casa unha balanza. Nai, prodixio de paciencia, decidira pesar os nosos anacos de torta ou a cunca de chocolate para uniformar así o noso egoísmo belixerante. Pasada unha semana non había necesidade de pesada e todos apandábamos co anaco que nos fora servido sen moito barullo. Os ollos íanse á guinda do pastel ou á crema extra no anaco que lle correspondera en sorte a un outro irmán. Remataran as leas e fixémonos case-adultos responsábeis coa chegada daquela balanza.

Estes días os políticos que gobernan e os que non, cos seus egos hinchados e irmáns en tantas actitudes corporativas, estanse comportando como nenos que pediran para si o anaco de doce con máis crema ou a cereixa confeitada que adorna o bolo. Falan de estigmatizar, de agravio comparativo ou de persecución e derribo, coa usura dos votos prendida tras dos ollos. Se hai que tomar medidas excepcionais nunha comunidade autónoma (invento absurdo para negar a realidade das nacións que conforman o Estado!), quéixanse enrabechados e non din máis que babecadas, arborando bandeiras de ignorancia e berrando polas ondas, insultándose entre eles e faltándolle ao respecto aos cidadáns.

É intolerábel por non dicir absurdo, infantil e nefasto para a convivencia. Nestes días penso en nai e na súa balanza que tanto ben nos fixo. Mais nesta situación tan grave, onde todo debería ser temperanza e sentido común, quen vai mercar a balanza para calar a estas crianzas?

Comentarios