A industria láctea "esquiva" a lei para pagar por debaixo do custo de produción

As granxas galegas seguen ameazadas polos baixos prezos que paga a industria do leite. Malia contar agora con cláusulas onde sinalar os custos de produción, as propias empresas seguen a impoñer as tarifas. Algunhas explotacións e sindicatos están dispostos a denunciaren estas prácticas e piden que mude a lexislación.
Camión de leite de Nestlé (Europa Press).
photo_camera Camión de leite de Nestlé (Europa Press).

A solución que deu o Ministerio de Agricultura ás demandas das explotacións gandeiras para controlar que a industria láctea pague por riba dos custos de produción non están funcionando. As organizacións agrarias denuncian presións e ameazas por parte das empresas que nalgúns casos xa están en vías de chegar aos tribunais.

A situación non é nova e xa houbo varias advertencias sobre presións a algunhas granxas coa pandemia da Covid-19 por medio. É o caso de Inleit que anunciou no seu día un recorte de prezos desde o mes de xullo mudando os contratos anuais por trimestrais e deixando a tarifa de recollida en 29 céntimos por litro. 

Desde Unións Agrarias (UUAA) explican a Nós Diario que estes días comezarán a presentarse demandas por impago a esta industria que traballa na actualidade cunhas 200 explotacións galegas.

"Entendemos que a modificación á baixa é ilegal por ser presentada unilateralmente pola empresa, tal e como comunicou nun burofax", asegura o seu secretario xeral, Roberto García. Este sindicato xa puxera en coñecemento da Axencia de Información e Control Alimentario (Aica) esta situación e agora cren que a intervención xudicial podería darlles a razón. 

Contratos con fórmulas que baixan o prezo

Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) afirman que "o prezo do leite segue en caída libre" pasando de 32,7 céntimos de decembro aos 31,9 de xuño como media na Galiza, segundo o Fondo Estatal de garantía Agraria (Fega). As fórmulas para "salvar" a ilegalidade de baixar o prezo do leite sen que existan razóns obxectivas de mercado son varias. Unha delas, segundo explican desde o SLG, é a que emprega o grupo francés Lactalis para os seus contratos.

"Os prezos en orixe parten dun valor de base de 29 céntimos, que contribúe a 50% do valor final pagado, quedando o outro 50% suxeito a variábeis arbitrarias e decididas unilateralmente pola empresa", sinalan.

Isabel Vilalba, secretaria xeral deste sindicato, asegura que "empresas como Lactalis, Larsa ou Reny Picot empregan este tipo de contratos con eses apartados que teñen uns parámetros que non coñecen as explotacións gandeiras, polo que están indefensos". A través deste método as empresas acaban por impoñer unha baixada como mínimo de 1 céntimo con respecto ao prezo fixado no anterior contrato. 

Da ameaza verbal ao burofax

O SLG denuncia que as granxas que se negaron a asinar a cláusula dos custos de produción postos pola industria xunto co contrato unha vez presionados de maneira verbal "acaban recibindo un burofax como ultimato para obrigalas a asinar unha cláusula de custos cos datos falseados". Vilalba relata a Nós Diario que esta situación é "unha burla ao sector". Afirma que estas manobras "se houbese un procedemento xudicial entre industria e as explotacións gandeiras farían valer estes contratos cando hai unha extorsión clarísima".

Desde esta organización apuntan como unha das razóns da "indefensión" das granxas que o Ministerio segue sen facer cumprir a lei que el mesmo modificou a través de ferramentas como a Axencia de Información e Control Alimentario (Aica). Ademais apuntan que "a Consellaría segue sen cumprir a súa promesa de elaborar uns índices de referencia para fixar uns custos de produción oficiais na Galiza que se poidan reflectir nos contratos". 

Elías Somoza, coordinador dos sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), sinala a Nós Diario que nestas circunstancias "se as Administracións son incapaces de dotarse dunha lei de calidade alimentaria que impida os abusos deberían cambiar esas leis do mercado da competencia que afogan as explotacións gandeiras".

A recomendación do Ministerio de Agricultura de que as granxas acudan á Aica para denunciar non sería viábel para Fruga. "Para iso a persoa titular da explotación tería que demostrar con datos verificábeis que o prezo do contrato é inferior aos seus custos, algo que só poderán facer quen teña contabilidade analítica, unha inmensa minoría", asegura.

Indignación ao afirmar a patronal láctea que "non lles consta" abandonos polos custos

As declaracións a Efeagro de Luís Calabozo, director xeral da Federación Estatal de Industrias Lácteas (Fenil), asegurando que "non lle consta" agora que "haxa abandonos de produción" leiteira por "non cubrir custos" causaron indignación nas organizacións agrarias galegas.

Desde Fruga, Elías Somoza afirma que "demostran o abuso que hai por parte da industria e que recibimos moitas gandeiras e gandeiros, coa complicidade da propia administración neste caso". Non entenden que Calabozo "saiba cales son os custos de produción cando debería saber máis de custos de transformación". Para o SLG "as prácticas mafiosas coas que se lles está a extorsionar ás nosas granxas resultan tan lamentábeis como hipócritas estas declaracións".

Comentarios