Alcoa pode ser o seguinte suma e sigue: a industria galega perdeu 6.000 empregos nesta década

A industria achega 18,5% do produto interior bruto (PIB) da Galiza e 16% do emprego.
Persoas traballando nunha cadea de montaxe (Foto: Nós Diario).

O anuncio da dirección de Alcoa a semana pasada para a planta de San Cibrao sitúa no disparadeiro do desemprego a case 800 traballadores e traballadoras, entre as da factoría de aluminio e auxiliares. Un impacto considerábel para o tecido económico da comarca da Mariña e unha pegada negativa máis no sector industrial de Galiza, que doce despois do inicio da crise de 2008 aínda non atinxe as cifras de emprego que xeraba daquela.

Desde 2008 até o primeiro trimestre de 2020 perdéronse milleiros de empregos na industria galega. Agora o IGE rexistra que hai 175.200 persoas asalariadas no sector industrial. Son 6.000 menos que en 2008. É 8,5% menos de postos de traballo nun sector indispensábel para calquera economía competitiva.

A industria achega 18,5% do produto interior bruto (PIB) da Galiza e 16% do emprego.

Os estudos da Unión Europea, concretados nun obxectivo político, veñen sinalando desde hai anos que para consolidar unha economía equilibrada o peso da industria no conxunto do Produto Interior Bruto debería acadar 20% en 2020. Transcorrido un período de tempo razoábel, os Estados que integran o espazo comunitario non só non se aproximan á devandita meta senón que mesmo se van afastando.

Comentarios