Inditex a xuízo por vulnerar a liberdade sindical e o dereito á dignidade dunha traballadora

inditex

O vindeiro 30 de setembro terá o xuízo contra Zara por vulnerar a liberdade sindical e o dereito á dignidade de Carmiña Naveiro, presidenta do comité de empresa, “que foi expulsada do seu centro de traballo pola policía tras negarse a aceptar a modificación unilateral de horarios decidida pola empresa”, segundo informa a CIG.

Segundo lembra a central nacionalista, o pasado 11 de maio Inditex comunicaba a súa decisión de modificar os horarios de todo o persoal do grupo, de modo unilateral. “Unha decisión que incluía tamén ás traballadoras que tiñan recoñecida a redución de xornada por coidado de crianzas, o que a CIG denunciou como un ataque directo contra o dereito á conciliación da vida laboral e familiar”.

Ao día seguinte, 12 de maio, como consecuencia deste cambio unilateral do horario laboral, a traballadora e presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carmiña Naveiro, “era expulsada do seu centro de traballo por, nin máis nin menos que seis homes armados: dous gardas de seguridade e catro policías”.

Carme Naveira criticara daquela que Inditex ofreza a imaxe dunha empresa que coida do seu persoal e “aproveite” o estado de alarma para modificar a xornada de todos os traballadores e bote man da “represión” contra as súas obreiras.

“O estado de alarma non suspende os nosos dereitos laborais e de liberdade sindical”, indica.

Comentarios