A indestrutíbel poesía popular

Nin “as profundas transformacións que sofreu a sociedade galega” e que modificaron as condicións de existencia da propia poesía popular conseguiron acabar con ela. Así o explica Xosé Manuel Sánchez Rei (A Coruña, 1973), que esta terza feira, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, presenta a escolma Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX (Laiovento).
 

foto A Coruña principios século XX
photo_camera A Coruña a principios do século XX. Foto: cedida.

Máis de 400 cantigas “de vidas, amores, ironías, traballos” debuxan un mundo extinguido pero que sobrevive en verso. “Lembro unha muiñeira, O quer que lle quer, que aparece recollida no cancioneiro de Ballesteros a finais do XIX”, explica Sánchez Rei, “e que lle sentín cantar á miña avoa na casa. Ou en coros e corais do tipo Cántigas da Terra”.

As estrofes compiladas no volume foron extraídas doutros cancioneiros, facturados entre o séculos XVIII e XIX. “Eran magníficos, como o de Saco Arce ou o de Ballesteros, pero xerais, de todo o país ou, como no caso deste último, da provincia da Coruña”, engade, “eu escolmei aquelas pezas relativas á cidade e ao seu ámbito de influencia”. Arteixo ou o desaparecido Concello de Oza, por exemplo.

Foto Xose Manuel Sanchez Rei

O esforzo ilustrado foi pioneiro en revalorizar a lírica popular. O Padre Sarmiento ou Cornide Saavedra apañaron as maneiras de cantar do pobo e axudaron a que constase a súa “capacidade de se expresar”. Na introdución do libro, o autor expón como durante os denominados Séculos Escuros e o “Século da Ilustración Galega” a poesía tradicional “consolidouse”. Ademais, continúa “dada a escaseza de textos cultos conservados neste período, a literatura oral conforma unha das principais mostras lingüísticas e literarias”.

“Lingüísticamente resultan moi interesantes”, di Sánchez Rei, profesor na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, “porque estas cantigas, cantadas maiormente por mulleres, a todo isto, reflicten o galego da época”. Adaptadas dentro do posíbel -cómpre conservar as rimas- á ortografía actual, un completo aparello de notas indica lugar de recollida, cancioneiro orixinal ou os cambios introducidos por Sánchez Rei.

Malia que as fontes do estudo datan dos séculos XVIII e XIX, a poesía popular ten raíces profundas. E algunhas transparéntanse no propio texto. “Podemos intuír que algunhas cantigas son moi anteriores, como unha en que se mencionan feitos da Baixa Idade Media, o asasinato dun arcebispo en Compostela”, relata. A que ataca ao ministro Javier de Burgos -en 1833 impuxo a división provincial de Galiza- ou esoutra que menciona ao rei Alfonso XII inaugurando o camiño de ferro tamén permiten unha datación concreta.

“Moitas aínda se cantan e moitas aínda son moi populares”, conclúe Xosé Manuel Sánchez Rei. Esta terza feira, ás oito do serán no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, estará acompañado do músico e escritor Xurxo Souto, o filólogo Xosé Ramón Freixeiro Mato e o gaiteiro Pedro Lamas, que intepretará algunha das pezas.

Comentarios