Independentismo de base convoca manifestación para o Día da Patria

“Pola independencia nacional. Contra a represión e as liberdades democráticas plenas” é a palabra de orde. As persoas promotoras organizarán asembleas e palestras en diferentes puntos de Galiza convocando a asistir á manifestación do 25 de xullo.

independentismo 25 xullo

Independentistas de base compareceron este sábado en Compostela ante San Martiño de Bonaval, último punto de resistencia dos sublevados na revolución galega de 1846, para anunciar a convocatoria dunha manifestación nacional no Día da Patria Galega, 25 de xullo. Unha mobilización na que convidan a participar a todas aquelas persoas que acrediten na independencia como a ferramenta “para que o noso país poida acadar algún día un futuro digno e libre”.

“O estatuto do 81 naceu sen apoio popular e morre sen pena nin gloria”

As convocantes anunciaron que ao longo das vindeiras semanas realizarán en diferentes partes do país asembleas abertas e palestras, así como outro tipo de actos, para socializar esta mobilización, que partirá ás 12:30 horas da Alameda compostelá baixo o lema 'Pola Independencia nacional. Contra a represión e polas liberdades democráticas plenas”.

Independentismo sociolóxico

A articulación política-organizativa do espazo explicitamente independentista galego reduciuse ao mínimo, indican, após a ilegalización de Causa Galiza epola Audiencia Nacional e a disolución doutras organizacións, como Nós-Unidade Popular ou AMI. Porén, “o independentismo é unha realidade social sobradamente enraizada” no país, afirman. E é desde esas bases independentistas desde as que se fai o chamado a esta mobilización no 25X. “É tempo de pórmonos en pé”, animan, e inciden en que "rachar amarras" con España é a “única estratexia” para reverter o presente “de desemprego, miseria, avellentamento e emigración”.

“Galiza vive unha situación límite para a súa supervivencia (...) por decisións tomadas en España e a UE e como consecuencia da falta de soberanía política”

Neste sentido, consideran que a vía estatutaria está esgotada, así como as formacións “que fiaron as expectativas desta nación ao xogo electoral e xestión do marco autonómico”, e fan un balanzo destes 40 anos de marco autonómico como “abertamento negativo”. Citan o empobrecemento do país, a sangría migratoria, o “espolio” dos recursos ou o risco de desaparición da identidade nacional como exemplos dese “fracaso”. Así, din,  “o estatuto do 81 naceu sen apoio popular e morre sen pena nin gloria”. Esgotado o tempo autonómico, as aspiracións de “liberación nacional e social” débense concretar na aposta na independencia, “por riba de ambigüidades crónicas” e “de comodidades”, como única garantía para "abrirmos un tempo de esperanza para este país".

Máis en POLÍTICA
Comentarios