O independentismo gaña as eleccións en Escocia e é segunda forza en Gales

O SNP fica a 2 escanos de revalidar a maioría absoluta. O Plaid Cymru galés é segundo, tras os laboristas.

escocia

Unha vitoria “histórica”. Así cualificou a primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, a vitoria nas urnas esta quinta feira do SNP, que atinxiu o 46,5% dos votos. Os independentistas lograron 63 escanos, revalidando a súa maioría mais ficando a 2 da absoluta, que está en 65. O Partido Nacional Escocés perdeu 6 parlamentares a respeito de hai cinco anos, mais obtén unha resultado incontestábel apenas ano e medio despois de perder o referendo independentista e posterior demisión do primeiro ministro Alex Salmond. A participación nos comicios foi do 55,6%

Mais o verdadeiro sismo na política escocesa foi a debacle dos laboristas, que caen en 13 deputados e fican con 24, sendo desprazados ao terceiro posto. Só en 3 distritos foron a forza máis votada os que até non hai tanto eran a primeira forza da política escocesa. A queda laborista é aproveitada polos conservadores, que aumentan a súa representación en 16 deputados, logran 31 asentos na Cámara escocesa e convértense na principal forza de oposición ao SNP.

Outra forza que nestes comicios tivo un aumento importante foron os Verdes escoceses, que acadaron 6 parlamentares, 4 máis que en 2011. Este partido apoiou o Si no referendo pola independencia de Escocia. Os liberal-demócratas manteñen a súa representación (5 escanos) e fica sen entrar no Parlamento escocés o ultra-dereitista e xenófobo UKIP.

En Cymru (Gales) os laboristas manteñen a súa hexemonía e logran 29 deputados, 1 menos que hai 5 anos. Os independentistas do Plaid Cymru conquistan 12 escano,s o Partido Conservador obtén 11 e os liberal-demócratas, 1 (perden 4). O UKIP irrompe como cuarta forza con 7 representantes.

O independentismo galés foi a forza máis votada en catro das circunscricións galesas.

Sen resultados

En Irlanda do Norte os resultados non se coñecerán até ben avanzada a fin de semana. Aquí rexe un sistema electoral moi particular, o 'voto único transferíbel'. Os votantes non só votan por un partido, mais fan unha clasificación en función da súa orde de preferencias. Así pois, e cómo ningún partido foi elexido maioritariamente en primeira opción en 2011, o probritánico e unionista DUP formou goberno co republicano e proirlandés Sinn Féin, ao ser primeiro e segundo. A asemblea destes seis condados da illa baixo soberanía británica consta de 108 deputados, 6 por cada unha das circunscripcións. Non se agardan grandes cambios. As enquisas apontan a que o Sinn Féin volverá ser a segunda forza máis votada.

Comentarios