O independentismo copa os escanos por Groenlandia nas eleccións dinamarquesas

As formación soberanistas Inuit Ataqatigiit e Siumut foron as máis votadas polas groenlandesas nas eleccións deste 5 de xuño: entre ambas as dúas suman 72% dos votos.

12/1/18

Após unha paréntese de apenas 4 anos de dominio conservador, o bloco de esquerdas volta a ser maioritario no Parlamento dinamarqués, o Folketing após as elección do 5 de xuño. As bancadas progresistas totalizan 91 escanos, un por riba da maioría absoluta. A clave do resultado, o descenso da ultradereita, un Partido Popular Dinamarqués que cedeu nada menos que 13 puntos a respecto de 2015, ao pasar de 21,1 a 8,9%.

Dos 179 representantes do Folketing, 175 representan opaís dinamarqués mentres os catro restantes corresponden a Groenlandia (2) e Illas Feroe (outros 2). Os escanos das Feroe foron para o Partido da Unión e o Partido Socialdemócrata, ambos os dous partidarios de que as illas continúen a facer parte do Reino de Dinamarca. A esquerda independentista representada por Tjóðveldi (República) perdeu o representante que atinxira en 2015. Situadas entre Escocia, Noruega e Islandia, as Feroe son un arquipélago de 18 illas (17 delas habitadas) de 1.400 quilómetros cadrados onde viven apenas 50.000 persoas, 20.000 delas en Tornshaven, a capital, e a súa contorna. Son un área autónoma mais pertencente ao Reino de Dinamarca, nunha situación similar á de Groenlandia.

Nas eleccións lexislativas que decorreron en 2015 os partidos independentistas atinxiron 19 dos 33 escanos do Parlamento

En Groenlandia a situación foi a inversa. Os dous escanos que se elixen por este territorio foron para formacións independentistas: Inuit Ataqatigiit (Comunidade Inuit, socialista) e Siumut (Adiante, socialdemócrata). Groenlandia ten unha autonomía para se gobernar sobre aquelas cuestións que lle afectan. En virtude dela, en 1985 decidiu saír da Comunidade Económica Europea (actual Unión Europea), na que entrara en 1973 da man de Dinamarca, reino do cal a illa era unha simple provincia.

68% dos groenlandeses queren que o seu país se independice nalgún momento ao longo dos vindeiros 20 anos, segundo un estudo de opinión das Universidades de Copenhage e Goenlandia do que informaba Nationalia. Os dados son coherentes cos resultados electorais nesta gran illa, e nos que os partidos independentistas abeiran 70% dos votos.

O estudo aponta que se houbese agora un referendo independentista os votos a favor serían 38%, cinco puntos por riba dos partidarios do non (33%). Case 30% dos poboadores de Groenlandia non decidiron que opción adoptar. Se se lles pregunta sobre a hipótese dun referendo de autodeterminación de aquí a dez anos, 46% afirman que  nel votarían independentista por un 21% que votarían por permanecer en Dinamarca.

Comentarios