Análise

O independentismo catalán no labirinto

O procés atravesa horas baixas. A súa esencia, a unidade das forzas independentistas, está en risco, após os tira-puxas entre ERC e JxCat por volta da suspensión de dereitos dos parlamentarios presos ou exiliados, o golpe ao soberanismo inflixido polo xuíz Llarena. O Consello da República, a nova iniciativa de Puigdemont para costurar as fendas ,non achou o apoio da CUP. Eis un extracto da análise publicada no número 319 de Sermos Galiza.

Foto-dupla-Catalunya

4Non era unha cuestión xurídica a que se ventilaba na Mesa do Parlament o día -o pasado 9 de outubro- en que se visualizou a abertura dunha fenda no seo das forzas independentistas maioritarias, a ERC do preso político Oriol Junqueras e o Junts per Catalunya do president no exilio Carles Puigdemont.

Era unha cuestión política. E de calado. Tiña a ver coa estratexia de fondo do soberanismo. Cara onde conducir os practicamente dous millóns de votos que as forzas políticas partidarias de fundar unha República catalá independente obtiveron nas eleccións ao Parlament de decembro de 2017.

Por unha banda, a estratexia de ERC, explicada no seu momento a Sermos Galiza polo portavoz republicano no Congreso dos Deputados, Joan Tardá, e que basicamente remite para a necesidade de ensanchar a base social do independentismo por medio dun acordo táctico cos sectores autodeterministas, isto é, co mundo dos comúns e de Podemos. Partidarios de ficar no Estado español, si, mais favorábeis a un referendo acordado con Madrid.

Esa estratexia consistiría en gañar tempo para a causa independentista. Isto é, aprazala no tempo. Facela unha tarefa a 15 anos vista.

Fronte a ese deseño, a formulación de JxCat parte dunha filosofía radicalmente distinta: o momento é agora, hai que tensionar a relación co Estado e polarizar o taboleiro entre as forzas independentistas e as unionistas, sen facer distintos entre aquelas que defenden sen máis o réxime de 1978 e aquelas -Catalunya en Comú- que si verían con bos ollos a realización dunha consulta cidadá.

[Podes ler a análise íntegra no número 319 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 

Comentarios